Reyes Maroto reitera o compromiso do Goberno co mantemento das capacidades produtivas na planta de Alcoa

AMariñaXa
Reyes Maroto reitera o compromiso do Goberno central co mantemento das capacidades produtivas na planta de Alcoa
alcoa balsa lodos vermellos
9 Feb 2023

O acordo asinado o pasado luns amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de aluminio, garante un tempo no que a electrolisis deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns de dólares na planta.

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, presidiu a reunión da comisión de seguimento de Alcoa San Cibrao, celebrada no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, na que reiterou o compromiso do Goberno co mantemento das capacidades industriais e o emprego na planta de aluminio. Trátase da primeira reunión da comisión tras a firma da modificación do acordo entre os representantes sindicais e Alcoa o pasado luns 6 de febreiro.

A ministra Maroto, “felicitou aos representantes sindicais e de Alcoa polo importante acordo que é froito dunha intensa negociación na que ambas as partes estableceron unha serie de compromisos para garantir a viabilidade da planta de Alcoa a medio e longo prazo. Desde o Goberno reiteramos o noso compromiso de garantir o mantemento das capacidades produtivas e o emprego da planta e para iso concedemos a Alcoa unha axuda de 27 millóns de euros e outros 23 millóns á planta de Alúmina para compensar os custos enerxéticos”.

“Desde o inicio desta crise en Alcoa, o Ministerio de Industria traballou activamente para impulsar unha solución, intermediando coa Xunta, coa empresa, cos traballadores e con outros ministerios implicados na tramitación de permisos para novos parques eólicos que fornecerán enerxía a Alcoa. Os acordos alcanzados no seo desta mesa son un exemplo de que o dialogo social é imprescindible para garantir a viabilidade da fábrica e imos seguir celebrando reunións periódicas desta mesa para facer un seguimento dos compromisos alcanzados”.

O acordo asinado o pasado luns amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de Aluminio, garante un tempo no que a electrolisis deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns de dólares na planta.

Alcoa mantén as melloras previstas no acordo asinado o 29 de decembro de 2021, como o novo transformador, o forno de homoxeneización e as catro mesas de coada. O aumento en 88 millóns de dólares do investimento previsto nun primeiro momento (103 millóns de dólares) destinarase ao forno de cocción de ánodos e ás barras de compensación magnética.

0.14810013771057