Rexistran preto de 15.000 persoas nas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais

AMariñaXa
No tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue a ser o principal emisor cun 1.846 persoas na oficina do centro
catedrais-ribadeo-camino-mar
2 Aug 2024

Preto de 15.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais no mes de xullo. Os datos ofreceunos esta mañá a concelleira de Turismo, Marta Saiz. A edil ribadense contou que “a oficina de turismo da vila abriu durante todos días do mes en horario de mañá e de tarde contabilizando un total de 7.681 viaxeiros. O día de maior afluencia foi o 25 de xullo con 450 persoas O punto de información turística da praia das Catedrais rexistrou un total de 7.227 consultas, sendo o día de maior afluencia o 26 de xullo con 765 persoas. Debemos resaltar que as entradas ao areal esgotáronse a partires do 17 de xullo”.

Saiz tamén se referiu ás procedencias dos turistas chegados a Ribadeo. “No tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue a ser o principal emisor cun 1.846 persoas na oficina do centro, o que supón un 30,3 %; e no punto de información de As Catedrais 1.98, o 29.15 %. Séguena Castela León, Andalucía (converténdose na terceira forza emisora, probablemente porque os viaxeiros do sur veñen buscando temperaturas suaves), Galicia, Castela a Mancha e Euskadi, no centro da vila. E Cataluña, Galicia e Comunidade Valenciana no punto de información das Catedrais”.

Con respecto ao turismo internacional, “representa un 10,5 % no centro da vila e un 15,7% do total das visitas no punto de información das Catedrais debido en gran parte á internacionalización deste Monumento Natural, que xunto co Camiño Norte de Santiago e o porto deportivo de Porcillán converten Ribadeo nun destino internacional. Os visitantes estranxeiros chegan procedentes de máis de 35 países diferentes, que encabezan, Francia, Alemaña, Estados Unidos, Bélxica e Holanda”.

Para Marta Saiz “un dos datos máis salientables deste comezo de verán é o das pernoctas en Ribadeo, acadando un total do 32 % do total de visitantes. Este dato das pernoctas reforza os informes estatísticos do mes de xuño, durante o que Ribadeo aglutinou o 44 % das pernoctas de toda a Mariña (un total de 8.094 hospedes dos que o 32,30 foi turismo internacional)

A edil agradeceu “o traballo do persoal das oficinas de turismo e praias así como ao sector privado polo esforzo que leva realizando dende comezos da temporada estival, pois entre todos e todas contribuímos a acadar un destino turístico de vangarda”. Saiz subliñou que “un ano máis, Ribadeo fai unha fortísima aposta polo turismo de calidade, organizando 12 percorridos guiados a través dos que se pode descubrir o seu importante patrimonio natural e cultural, 3 vistas teatralizadas, 3 rutas guiads e interpretadas para gozar do fascinante patrimonio cultural presente en cada recuncho da vila e tamén do interior do Concello”.

Tamén se ofrecen 2 visitas guiadas a espazos de interese históricos (O Santuario de Nosa Señora das Virtudes e o Forte de San Damián); e por último as xa coñecidas XeoRutas. Catro itinerarios xeolóxicos para ter unha ampla visión deste

importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da Mariña lucense”. A concelleira de Turismo e Comercio dixo que “apoiando estas iniciativa que emanan do sector público, atópanse unha ampla gama de empresas de turismo activo que ofrecen experiencias diferentes e múltiples en contacto coa natureza”.

Esta oferta cultural súmase a unha serie de proxectos e eventos que o Concello vén desenvolvendo nos últimos meses e que “converten Ribadeo nun lugar para gozar dunha estancia que asegura unha tranquilidade dinámica e diversa indicada para todas as franxas de idade e tamén coherente cos obxectivos que se veñen perseguindo nestes últimos anos, a calidade e a excelencia turística”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16050696372986