Rexina Vega é distinguida como Cunqueiriana de Honra de 2021
A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Rodríguez Vega (Rexina Vega), foi designada como Cunqueiriana de Honra de 2021. Así o decidiu este sábado 30 de xaneiro por maioría a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción, durante unha reunión telemática na que os membros deliberaron despois de que cada un presentara unha candidatura e a promovera de forma argumentada.
Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 años a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidad Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).
Ademais destes volumes e teses, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación.
Por todos estes motivos, a comisión congratulouse pola súa designación como Cunqueiriana de Honra e quixo transmitir as súas felicitacións á distinguida, ao tempo que manifestou a súa satisfacción pola alta calidade das diferentes candidaturas presentadas.
A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.
Trala recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Comisión
Formaron parte desta comisión: César Cunqueiro (fillo do escritor, que asistiu vía telefónica), Alberto García (concelleiro de Cultura de Mondoñedo), Víctor F. Freixanes (Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Gallega), Antonio Reigosa (cronista de Mondoñedo), Miguel Somovilla (periodista e estudoso da obra de Cunqueiro), Abel Vigo (técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro).