Reúnense en Foz para abordar os desprendementos na costa

Foz
AMariñaXa
Outro tema abordado foi o estado do paseo marítimo na cala de San Pedro, en Cangas
reunion en foz polos desprendementos
17 Out 2024

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo unha reunión de traballo en Foz con varios representantes institucionais, entre eles o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e a subdelegada, Isabel Rodríguez, para abordar os problemas de desprendementos na costa. A xuntanza contou tamén coa presenza de Luis Palacios, xerente da Área de Mantemento de Ourense e P.D. Noroeste de ADIF, e José Miguel Estevan Dols, Xefe do Servizo Provincial de Costas.

Cajoto agradeceu a atención á súa petición para organizar unha reunión de coordinación entre as distintas administracións, coa finalidade de buscar solucións aos desprendementos na praia de Arealonga, que en marzo deste ano obrigaron a desviar o paseo marítimo e puxeron en risco a vía do tren. ADIF realizou sondaxes xeotécnicas na zona para analizar o terreo, e agora cómpre desenvolver unha solución para garantir a seguridade da vía férrea.

Outro tema abordado foi o estado do paseo marítimo na cala de San Pedro, en Cangas. As sondaxes xeotécnicas recentemente finalizadas permitirán redactar un proxecto construtivo que asegure o paso peonil de forma segura, xa que actualmente os peóns están obrigados a desviar o seu camiño por unha estrada nacional con alto tráfico.

Ademais, o alcalde aproveitou para expor a ADIF a necesidade de mellorar o mantemento das cinco estacións e apeadoiros de Foz, que presentan problemas de limpeza, iluminación e accesibilidade. En particular, mencionou a falta de conexión peonil segura coa estación de Foz e propuxo a construción dun paso inferior baixo a estrada nacional para facilitar o acceso e facer a estación máis atractiva para os usuarios.

0.094900846481323