Reto Rural Dixital ofrece en Xove cursos de formación tecnolóxica para persoas maiores de 60 anos

Reto Rural Dixital impartirá durante o mes de febreiro dous cursos dirixidos a persoas maiores de 60 anos no concello de Xove, co obxectivo de achegar a tecnoloxía á poboación sénior e facilitar o seu manexo no día a día. As accións formativas terán lugar na aula de informática do Centro Xuvenil e desenvolveranse en horario de tarde, de 16:30 a 19:30 horas.
O primeiro dos cursos estará centrado no uso básico do smartphone e celebrarase os días 2, 3 e 4 de febreiro. Nel abordaranse cuestións fundamentais para o manexo do teléfono móbil, co fin de que as persoas participantes poidan adquirir maior autonomía no seu uso cotián. A segunda formación terá lugar os días 9, 10 e 11 de febreiro e estará dedicada ás aplicacións máis habituais do día a día, ofrecendo nocións prácticas para sacar maior proveito ás ferramentas dixitais.
Estas actividades formativas enmárcanse nun programa que busca reducir a fenda dixital no ámbito rural e garantir que ninguén quede atrás no acceso ás novas tecnoloxías. As persoas interesadas en participar poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 982 571 816 ou acudindo directamente á OMIX de Xove.