Retiran 9 árbores en risco de caída inminente na praza do Concello de Burela
O Concello de Burela retira nove árbores en risco de caída inminente na praza do Concello. Un informe técnico realizado sobre estes exemplares alerta do perigo existente para a integridade de persoas e bens públicos próximos aos mesmos. O vento orixinado nos temporais recentes xa tirou varias especies próximas, polo que o informe aconsella actuar o antes posible sobre as nove árbores mencionadas.
O documento sinala así mesmo que as raíces destes exemplares de Alcipreste de Monterrey (Hesperocyparis macrocarpa) estaban a causar desperfectos ao seu redor, levantando o solo e debilitando os muros e os bordos das rúas, co conseguinte risco de caídas e accidentes para as persoas transeúntes. Ademais, as catro árbores situadas no noroeste da praza atópanse afectadas polo parasito fitóftora, que ocasiona entre outras a putrefacción das raíces, supoñendo deste xeito un perigo adicional.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, lamenta “que se teñan que tallar estas árbores, pero axiña serán substituídas por novos exemplares”. E asegura que “a presenza de vexetación é fundamental para unha vila como Burela e unha prioridade para o Goberno local”. Os exemplares retirados serán, a continuación substituídos, por especies deporte arbustivo, valorándose diferentes especies. “Axiña informaremos á veciñanza sobre o plantado das novas especies”, afirma a rexedora.