Restaurante A Farola: “Os nosos timóns convertéronse no prato estrela do restaurante”

Foz
AMariñaXa
Luis lidera A Farola, un restaurante que nace da súa experiencia e aposta por unha cociña galega e asturiana próxima e de temporada
FOZ Restaurante-A-Farola-Luis-2025
25 Jan 2026

Como naceu A Farola e por que decidistes apostar por Foz?

A Farola xorde dunha maneira moi natural. Levamos toda a vida vencellados á hostalaría, tanto eu como a miña muller, e a idea foi medrando pouco a pouco. Falando coa miña cuñada, que tamén leva toda a vida traballando como cociñeira, empezamos a darlle voltas á posibilidade de montar algo propio. O que comezou como unha conversa informal acabou converténdose nun proxecto real, e finalmente abrimos A Farola o 19 de xuño de 2025. Apostamos por Foz porque é un lugar que coñecemos ben, cunha gran vida social e cun atractivo especial tanto para a xente da vila como para quen vén de fóra.

Que define a identidade de A Farola e a experiencia que ofrecédes aos clientes?

A identidade de A Farola baséase nunha cociña caseira, próxima e sen artificios. Somos un restaurante de comida tradicional galega e asturiana, cunha proposta sinxela pero coidada. Buscamos que a xente se sinta cómoda, como na casa, e que veña a desfrutar dunha comida ben feita e a un prezo accesible.

Que destacaríades das instalacións e do espazo do restaurante?

O local é acolledor e funcional, pensado para que os clientes estean a gusto tanto se veñen a comer tranquilamente como se pasan só a tapear. Non é un espazo excesivamente grande, pero está ben aproveitado e permite crear un ambiente próximo e familiar.

Que importancia ten a localización do local, preto do mar e do ambiente da vila?

A localización é un dos nosos grandes puntos fortes. Estamos nun lugar privilexiado e iso fai que a experiencia sexa aínda mellor e tamén atrae moita xente, especialmente propietarios de segundas vivendas no verán, visitantes e turistas que buscan comer ben nunha contorna agradable.

Que proposta gastronómica atopan os clientes: menú do día, carta ou suxestións?

Non traballamos con menú do día, senón cunha carta pequena e moi definida. Temos pratos combinados moi completos e alcanzables, pensados tamén para traballadores, como cachopo con patacas e ensalada ou ovos con zorza. Ademais, ofrecemos racións e medias racións para compartir, ideais para tapear.

Que peso ten o produto local e de tempada na vosa cociña?

O produto tradicional e de tempada é fundamental. Adaptamos a carta segundo a época do ano e apostamos polos pratos de culler cando chega o frío. Agora mesmo, por exemplo, estamos coas xornadas do cocido durante as fins de semana, e tamén ofrecemos fabada asturiana e outros pratos típicos.

Hai algún prato que se identifique especialmente con A Farola?

Si, sen dúbida. Un dos sinais de identidade de A Farola son os chamados timóns, unha proposta moi característica da casa. Trátase de pratos especiais de madeira, deseñados para xirar e colocarse no centro da mesa, elaborados expresamente para nós polo noso carpinteiro de confianza. Hai timóns de cazolas, de frituras e tamén de cachopos pequenos, están pensados para compartir entre dúas ou tres persoas, e o de cahopos é o máis solicitado polos clientes e converteuse nun dos pratos estrela do restaurante.

Organizades eventos, celebracións ou comidas de empresa? Con que capacidade contades?

Si, organizamos comidas de empresa, celebracións familiares e pequenos eventos. Temos capacidade para unhas corenta persoas, o que permite facer encontros como aniversarios, xuntanzas de amigos ou mesmo vodas de ouro, como xa fixemos nalgunha ocasión.

Que tipo de clientela frecuenta A Farola, tanto local como visitante?

Temos unha clientela moi variada. Vén moita xente da zona, que se achega a tapear ou a comer de maneira habitual, pero tamén recibimos clientes de Asturias, Madrid e doutras comunidades. Durante determinadas épocas do ano, como foi o verán, notouse moito a presenza de visitantes.

Cales son os vosos horarios e cales son os mellores momentos para visitarvos?

Abrimos tanto ao mediodía como pola noite. Pechamos os luns e os domingos pola noite, agás cando é festivo. Calquera momento é bo para achegarse, xa sexa para tapear antes de comer ou para desfrutar dunha comida máis tranquila.

Que retos ou proxectos de futuro tedes para o restaurante?

O principal reto agora mesmo é consolidarnos e manter o nivel. Temos moitas ideas e queremos seguir innovando pouco a pouco, incorporando novas propostas e mellorando día a día, sempre sen perder a esencia da nosa cociña tradicional galega e asturiana.

Que lle diríades a quen aínda non coñeza A Farola para convidalo a visitarvos?

Diríalle que se achegue sen medo, que probe os nosos pratos e que veña desfrutar dunha cociña sincera, de sempre, nunha contorna privilexiada fronte ao mar. Aquí atopará boa comida, bo ambiente e ganas de facer as cousas ben.

⚙ Configurar cookies
0.16191792488098