Respirar sen rede

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
Rebeca-Maseda-Foto-Artigo-xuno-25
9 Jun 2025

Por Rebeca Maseda

Todo na vida é cuestión de equilibrio. Hai persoas que ven o vaso medio cheo ou medio baleiro, xente que se centra máis nas cousas positivas ou negativas e viceversa. Nestes últimos tempos vivimos unha pandemia, a barbarie en Gaza, unha dana, o apagón…, en fin, moreas de situacións que, comprensivamente, lévannos ao desánimo, ao enfado e a pensar que nada vale a pena.

É normal e humano caer nesa espiral de desacougo, pero tamén é unha cuestión de actitude vital. Este mes celébrase o casamento de dous dos meus mellores amigos e non podo estar máis contenta. Son persoas que me inspiran, que me fan mellor en moitos aspectos e ás que admiro profundamente.

Como non pode ser doutro xeito, cadaquén é libre de afrontar os problemas da mellor maneira posible, e por suposto, tampouco os xestionamos sempre igual, dado que o estado de ánimo non é unha constante inmutable. Pero dito isto, penso que a capacidade de relativizar e adaptarse ás circunstancias é unha das maiores virtudes que unha persoa pode ter.

A intelixencia emocional non é unha desas cousas que só saen nos libros de autoaxuda ou nas charlas motivacionais de YouTube. Non, é unha ferramenta real, cotiá, que podemos (e deberiamos) cultivar para vivir cun chisco máis de paz e un pouco menos de drama. Non se trata de reprimir emocións, nin de sorrir cando temos ganas de chorar; proba a aprender a recoñecer o que sentimos, entender por que o sentimos e actuar en consecuencia sen deixar que o caos interno leve o timón.

Cantas veces nos deixamos levar pola frustración porque algo non saíu como esperabamos? Ou porque alguén nos falou mal, ou a vida nos puxo unha pedra no camiño cando xa levabamos o peto cheo de pedras anteriores? Pois ben, aí é onde entra a capacidade de adaptación, esa habilidade camaleónica que nos permite mudar de cor cando o entorno cambia. Non para deixarmos de ser nós, senón para sobrevivir sen esnafrarnos no intento.

Adaptarse non é resignarse, ollo. É comprender que non sempre temos o control de todo (nin falta que fai), e que ás veces a mellor resposta é virar o timón e buscar outro rumbo. A vida non é unha liña recta nin un camiño de cemento ben sinalizado. É máis ben unha carballeira chea de sendeiros sinuosos, de pólas baixas e pedras esvaradías. Se só sabemos andar por autoestradas, mal imos.
E aquí entra a marabillosa arte de relativizar, esa pequena maxia que consiste en mirar os problemas con perspectiva: ¿Isto que me está a pasar agora vai importar dentro dun ano? ¿Dentro dun mes? ¿Ou mañá mesmo? Moitas veces, o que hoxe parece a fin do mundo mañá é só unha anécdota que contaremos entre risas. Relativizar non é facer pouco das cousas, senón darlle a importancia xusta. E iso, amigas e amigos, é un superpoder que non vén nos cómics pero que salva máis vidas que calquera capa.

A suma destas tres cousas —intelixencia emocional, capacidade de adaptación e sentido da relativización— convértenos en persoas máis libres. Máis sabias tamén, se queres, porque a sabedoría non está só nos libros, senón na forma en que escollemos reaccionar. A vida vai seguir traendo días grises, cancelacións de última hora, mensaxes sen responder e xente que nos decepciona. Pero tamén vai traer cancións que nos salvan, cafés con risas, sorpresas que nos iluminan o día e esa sensación cálida de saber que, malia todo, seguimos aquí.

Como dicía Viktor Frankl, psiquiatra e sobrevivente dos campos de concentración nazis: “Entre o estímulo e a resposta hai un espazo. Nese espazo está o noso poder para escoller a nosa resposta. E na nosa resposta reside o noso crecemento e a nosa liberdade.”

Pois iso. Que a vida vai como vai, pero nós tamén podemos ir como queiramos. E se temos que ir, que sexa lixeiros de equipaxe, con sentido do humor, cun pouco de man esquerda e, sobre todo, co corazón cheo e atento.

⚙ Configurar cookies
0.16233897209167