Plataforma Veciños Afectados Central Hidroeléctrica Alfoz-Valadouro: Veciños unidos contra a central hidroeléctrica

AMariñaXa
Veciños de Alfoz crean a Plataforma Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral para loitar contra o espolio
Plataforma afectados macrocentral 1
22 Feb 2022

Por Ana Somoza López.

"A terra non é unha herdanza  dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos", di a Plataforma.

Veciños da comarca e máis concretamente do Valadouro e Alfoz veñen de constituir a Plataforma de veciños afectados pola macro central hidroeléctrica do Xistral, coa intención de achegar á veciñanza un punto de encontro para tratar, organizar e propoñer actos informativos e reivindicativos relacionados co anteproxecto da central hidroeléctrica.

Esta Plataforma constitúese como un movemento apartidista, pluralista, inclusivo, equitativo e respectuoso coas opinións dos que forman parte da  mesma.

“Somos un colectivo sen ánimo de lucro, de carácter asembleario e de libre adhesión, que xunta a todos os veciños  que estean sensibilizados coa finalidade da nosa Plataforma, sen intereses particulares nin partidistas”, din dende a Plataforma.

Segundo a empresa zaragozana Atalaya Generación, esta central hidroeléctrica contará cunha potencia total de 936 megavatios na comarca da Mariña.

A finalidade deste colectivo, que conta cunhas 100 persoas polo momento, é a de informar aos cidadáns da magnitude deste anteproxecto e as súas consecuencias reais desde o punto de vista paisaxístico, patrimonial, medioambiental, económico, social, etnolóxico e cultural, así como axudar ás persoas afectadas na defensa dos seus dereitos.

“O obxectivo é o de defender a comarca  particularmente O Valadouro e Alfoz do espolio ao que se pretende someter”, engaden “consideramos que é unha irresponsabilidade ignorar as enormes consecuencias negativas que este proxecto pode provocar sobre o noso  territorio, as poboacións, a despoboación, a paisaxe, a biodiversidade, o  patrimonio público, os recursos e sobre os ecosistemas dos que  dependemos”.

O anteproxecto, que xa foi visto pola Plataforma coa axudas de veciños enxeñeiros, fala basicamente da construción de dúas balsas, unha superior de 73,2 hectáreas en Vilacampá e unha inferior de 49,9 hectáreas en Recaré, ”que tería 8.924.581 metros cúbicos de auga, é dicir, 8.450 piscinas olímpicas”. Estas dúas balsas estarían unidas por tuberías e túneis, “afectando a calidade de vida dos veciños, sen falar das consecuencias da construción das mesmas, que non só afectaría ao día a día da comunidade, senón tamén á flora e fauna que rodea o val”, din.

Nunha época na que se fala da España Vaciada, moitos destes veciños queren seguir vivindo e apostando polo val para traballar, vivir e criar aos seus fillos, coidando dos recursos que nos ofrece a natureza e que nos deixaron en herdanza nosos pais. Ademais, a metade da parroquia de Recaré desaparecería coa construción da balsa", sinalan, e algunhas casas quedarían moi preto “estaría a menos de 100 metros da miña”, di un dos afectados, “pero hainas que se atopan a 50 metros, e por riba imaxínate saír pola porta e atopar un muro de 20 metros de alto. Todo isto fará a vida dos veciños insoportable polas vibracións, ruídos e incluso falase dun posible cambio de clima”.

Segundo o proxecto crearanse postos de traballo pero “serán para a construción da central, pero cantos empregos quedarán despois?. Por iso algúns veciños están pensando ata en mudarse xa que non poden aguantar nin pensar nas obras”, engaden, “isto non fixará poboación como nos queren facer crer, senón que a deslocalizará. Tamén moitas explotacións gandeiras veranse afectadas pois quedarían baixo a auga”.

“Nos queremos seguir coa nosa vida aquí e deixarlles aos nosos fillos un modo de vida”, di outro veciño, por iso o lema desta Plataforma é A terra non é unha herdanza  dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos”.

“Non estamos dacordo coa instalación da central hidroeléctrica porque nos costa entender que coa excusa das enerxías renovables, enerxías verdes se destrúa precisamente a nosa Galicia Verde, se nos deixe sen os nosos montes, ríos, regatos e fontes. Estamos a favor das enerxías renovables, pero non así”, continúa dicindo outro veciño.

A propia promotora recoñece o alto impacto ambiental do proxecto. Así, na súa memoria sinálase que a central "atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, das Zonas de Especial Conservación (ZEC) Serra do Xistral e Río Ouro, das Zonas Protexidas de Augas Potábeis Poligonais Ortegal-A Mariña e Ribadeo-Valadouro, e sobre a Reserva Natural Fluvial do Río Cobo".

Polo de pronto, a empresa non se reuniu cos veciños e eles seguen coa redacción das alegacións, así como a celebración dunha manifestación en forma de andaina o 13 de marzo de Recaré a Vilacampa que poderá facerse a cabalo ou en bicicleta, na que haberá obradoiros e actividades para os cativos.

0.070417881011963