A Pontenova: A Festa da troita que non puido ser
Esta celebración promociona a localidade da Pontenova e a pesca fluvial desde 1978 e atrae a pescadores de toda Galicia
Por Ana Somoza López.
A Festa da Troita da Pontenova é unha singular e xenuína celebración que atrae desde hai máis de 30 anos aos pescadores de toda Galicia, Asturias e outras comunidades.
Esta festa xurdiu a través do Centro de Iniciativas Turísticas, CIT, o cal, para promocionar a localidade da Pontenova, organizou o citado concurso de pesca que leva celebrando desde o ano 1978. O concurso, que atrae a pescadores de distintos puntos, celébrase no río Eo, un dos ríos salmoneiros máis importantes de toda a comunidade galega. A comezos do século XX era tal a súa abundancia que eran habituais as protestas dos traballadores e xornaleiros da comarca para que, nas comidas, non se lles servise salmón máis que unha vez por semana. Hoxe en día non existe esa abundancia, pero aínda mantén o seu posto privilexiado en canto a pesca desta especie.
O municipio da Pontenova soe acoller o 1 de maio esta festa na que todos os asistentes poden gozar cos actos programados para a ocasión, entre os que destacan as variadas actuacións musicais e o VI Concurso de Salmón, evento este último declarado de Interese Deportivo Nacional no que ata un centenar de pescadores participan no concurso de pesca deportiva de troita, con premios para quen consiga máis número de pezas, para quen obteña a troita de máis peso e para ou concursante de menor idade.
É tradición que na última xornada do evento teña lugar a degustación gratuíta de troita na praza do Concello.
O escenario de toda esta festa é o río Eo, fonte de vida e de traballo para os habitantes da Pontenova e un dos máis grandes símbolos do Concello por ser o río salmoneiro por excelencia de toda Galicia.
Por acordo da directiva do CIT A Pontenova a partir do ano 2020 o concurso do salmón da Festa da Troita de A Pontenova levará o nome de VIII Concurso do Salmón Memorial Luis Moirón en recordo a este pescador moi coñecido na zona e falecido.
O alcalde da Pontenova, Darío Campos, destacou que “esta celebración da Pontenova é a segunda festa da troita máis antiga de Galicia. Xa conta con máis de 40 anos de tradición e consolidouse coma un importante revulsivo económico para o Concello e para a contorna da Mariña o cal redunde positivamente na provincia”.
Este ano tan só se puido celebrar unha festa atípica con actividades simbólicas para evitar as multitudes.
Tamén o Concello conta cunha aula de interpretación da pesca de salmónidos, é dicir, relacionado coa pesca do salmón, a troita e o reo, que está situada na segunda planta da oficina de turismo, xusto enfrente do río Eo. Na aula pódese ver diverso material vinculado á pesca do salmón, a troita e o reo, curiosidades coma unha caña de bambú de 1900 ou varios carretes de madeira de 1910. Nela poderemos observar a colección de riscos máis importante de Galicia. Os riscos son cebos únicos no mundo, feitos artesanalmente e que se empregaban ó anoitecer na pesca do reo. Atopamos tamén composicións feitas polos mellores montadores de moscas.