Reparan un tramo da rede de abastecemento de auga en Landrove, en Viveiro

AMariñaXa
Este tramo, que vai dende a depuradora de Landrove ata o cruce, é o que sofre máis roturas na rede de abastecemento
Rede-de-abastecemento-Landrove
2 Ago 2024

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro prepara, a través da concellería de Medio Rural, a reparación dun tramo de 500 metros da rede de abastecemento de auga en Landrove para evitar máis cortes de auga na zona. Este tramo, que vai dende a depuradora de Landrove ata o cruce, é o que sofre máis roturas na rede de abastecemento. A concellería vén de recibir unha memoria técnica que cifra o custo da obra arredor dos 200.000 euros.

“Estamos traballando para conseguir este orzamento para 2025 e así poñer fin a un problema que vén de atrás e que tanto afecta á veciñanza da zona”, sinala Miriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e concelleira de Obras, Infraestruturas e Mantemento no Medio Rural. Ademais “da reparación da rede na que estamos traballando, substituiremos 1km de tubería entre a Xunqueira e Magazos cando se faga a reposición de Beirarrúas”, engade a tenente de alcaldesa.

Isto súmase ás reparacións das roturas da rede sufridas nos últimos días en Landrove e Galdo. “Dende o Concello pedimos desculpas polas molestias que ocasionan este tipo de sucesos, que intentamos solucionar sempre coa maior brevidade”, apunta Bermúdez. Pola súa banda, Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural, Saneamento e Abastecemento de Auga, sinala que “garantir a calidade da rede de abastecemento é fundamental no rural e en todo o municipio, polo que este tipo de accións son prioritarias para o noso Goberno”.

0.18619298934937