Reparan o Banco das Mentiras e o balaustre de Manuel Murguía en Foz

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz procedeu á posta en valor do Banco das Mentiras e ao arranxo do balaustre da Rúa Manuel Murguía.
banco mentiras foz
20 Mar 2021

O Concello de Foz continúa coas melloras nas parroquias e no casco urbano. Neste caso, grazas ao traballo de operarios municipais, procedeu á posta en valor do Banco das Mentiras e ao arranxo do balaustre da Rúa Manuel Murguía.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que o balaustre “estaba en moi malas condicións, carcomido polo óxido e co risco de que calquera persoa se puidera cortar ao asirse á varanda: a falta de mantemento dos últimos anos era máis que evidente”. Así procedeuse á desmontaxe, substitución das partes deterioradas, chorreo da totalidade da estrutura e ao pintado con imprimación e cun lacado en negro en toda a lonxitude.

Na mesma situación destaca o famoso Banco das Mentiras. “Eu non me podo sentar nel, por razóns evidentes”, chancea o rexedor municipal, quen explica que “o banco loce completamente renovado, cun mural deseñado e pintado polo artista local Daniel Carreira. Fixo un traballo especial, mariñeiro. Hai que agradecer o labor do artista por darlle cor a un sitio tan especial en Foz. Fronte a Tupide, as vistas do amencer sobre a ría son espectaculares. Esperamos de verdade que veciñas e veciños o disfruten”.

0.12029790878296