Renovan a sinalización da urbanización cervense de Riocobo para facilitar a localización de emerxencias
O Concello de Cervo ven de renovar parte do sistema de sinalización da urbanización de Riocobo co obxectivo de mellorar o acceso e facilitar a localización para os vehículos de emerxencias.
Este novo sistema, que permitirá diferenciar os catro bloques de vivendas da urbanización, está baseado nun código de cores: Rúa Catro en amarelo, Vía Láctea en vermello, Rúa Dous en verde e a Rúa de Acceso en azul.
Deste xeito, ambulancias, bombeiros e demais vehículos de emerxencia terán máis sinxelo atopar as localizacións existentes en calquera destes catro bloques de vivendas e poderán prestar asistencia a unha maior celeridade.
En declaracións do alcalde, Alfonso Villares,: “esta nova sinalización nace froito da comunicación cos veciños da urbanización de Riocobo, que nos viñan informando da problemática que os diferentes vehículos de emerxencias estaban a ter á hora de atopar as localizacións nesta urbanización”.
Engade o rexedor que “con este novo sistema de sinalización, vaise facilitar a circulación e a localización para toda a veciñanza e visitantes do noso municipio”.