Renovan a antiga escola unitaria da parroquia de Vidal, en Trabada
O Concello de Trabada acadou unha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a renovación da vivenda da antiga escola unitaria da parroquia de Vidal. O custe total desta actuación ascende a 53.131,20 euros e a axuda obtida é de 46.286,54 euros, polo que o consistorio aportará 6.844,66 euros.
“Podemos desta forma continuar co proceso de renovación das vivendas das antigas escolas unitarias, como xa fixemos coas de Trabadela, Vilapercide e Sante”, explica o alcalde de Trabada, Rubén García, que engade que “con esta axuda habilitaremos a vivenda para destinala a uso público e social na parroquia de Vidal”. As actuacións incluídas na subvención permitirán ao concello, entre outros aspectos, mellorar a eficiencia enerxética da vivenda e, con elo, as súas condicións de seguridade, hixiene e confort.