Renovadas as árbores da praza de Conde de Fontao e no Campo da Cabana, en Foz
O Concello de Foz substituíu e renovou árbores na praza de Conde de Fontao e no Campo da Cabana. Procedeuse á tala, retirada e destoconado daqueles exemplares que se atopaban en mal estado e a substitución por novas árbores.
O concelleiro de Parques e Xardíns, Ángel Fernández Neira, explicou: “preocúpanos a seguridade. Os aligustres de Conde de Fontao representaban un perigo porque en días de forte temporal non era infrecuente a caída de canas ou incluso de árbores completas, como pasou recentemente. Conservamos os magnolios, pero os aligustres, en bastante mal estado, substituíronse por prunus vermellos. Tamén se actuou no Campo da Cabana, onde as árbores secas ou con problemas no entorno da fonte substituíronse por novos exemplares”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca o traballo feito: “Conde de Fontao gañou en iluminación e cando os prunus medren en tamaño vai a resultar un contraste moi bonito entre a folla vermella do prunus e a verde do magnolio”. E engade: “preocúpanos moito construír unha vila amable e as árbores deben ter un protagonismo especial. Por iso repuxemos as que se talaran en Xoán Montes co goberno anterior e por iso imos seguir repoñendo durante estes meses as que secaron en distintos puntos do pobo. Na humanización entre Glorieta de Vilalba e Campo da Cabana vanse a plantar varios exemplares e tamén crearemos zonas de sombra no paseo recentemente construído entre Peizás e Pampillosa, que imos a recepcionar da Dirección Xeral de Costas e abrir ao paso nos próximos días”.