Remourelle prepara a XVIII Festa da Carne ao Caldeiro con música, gastronomía e tradición

Remourelle xa ten todo a punto para acoller este sábado, 16 de agosto, a XVIII edición da súa Festa da Carne ao Caldeiro, organizada pola asociación veciñal A Madanela coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia. A cita reunirá gastronomía, música e xogos populares nun ambiente de convivencia que, segundo os organizadores, busca poñer en valor un produto de excelencia: a carne de tenreira rubia galega.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, salientou que “esta festa é unha maneira de dar visibilidade e recoñecemento ao traballo dos gandeiros, que manteñen unha forma de vida ligada á nosa identidade rural”. O rexedor engadiu que “o Concello seguirá apoiando iniciativas que unen tradición, calidade e participación veciñal”.
A programación comezará ás 14:00 horas coa actuación do Dúo Belinda, que servirá de aperitivo musical antes do xantar previsto para as 14:40 horas, a cargo da Pulpería Suso, de Lugo. O menú inclúe empanada, polbo, carne ao caldeiro con cachelos, pementos de Padrón, sobremesa, café e bebida, cun prezo de 30 euros para adultos, 15 para rapazada de 7 a 12 anos e gratuíto para menores de 6.
Xa pola tarde, o protagonismo trasladarase ao Torneo de Bolos, mantendo unha tradición moi arraigada na parroquia. A xornada pecharase cunha nova sesión musical do Dúo Belinda a partir das 18:30 horas.
Vega tamén puxo en valor o labor da asociación A Madanela, “que logra implicar cada ano a máis xente nova, garantindo o relevo xeracional e a vitalidade destas celebracións”. Ademais, lembrou que a dinamización cultural e festiva de Ribadeo “atrae a moitos visitantes e ofrece á veciñanza unha ampla variedade de eventos, especialmente no verán”.
A fin de semana completarase o domingo, 17 de agosto, coa celebración das festas en honra de Santa María Magdalena, outra cita destacada no calendario local.
