Rematan as obras na rúa Río Cobo burelesa
Estes días rematan as obras na rúa Río Cobo, en Vila do Medio. O orzamento ascendeu a 70.000 euros e para o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, trátase duns traballos moi necesarios debido ás roturas que se producían na rede de abastecemento de auga. Para supervisar a conclusión da obra, o edil e o alcalde, Alfredo Llano, desprazáronse ata a zona onde aproveitaron para falar coas veciñas e cos veciños.
O edil de Obras contou que “estivemos supervisando o remate dunha obra importante e moi necesaria que se fixo na rúa Río Cobo, na Vila do Medio. O custe ascendía a algo máis de 70.000 euros e estaba incluída no Plan Único provincial”.
Ramiro Fernández explicou que “tíñamos unha serie de problemas de traída da auga naquela zona, tíñamos moitísimas roturas na rede e ademais aproveitamos para solucionar xa o tema da traída, mellorar o saneamento e facer o separativo de pluviais e residuais. Tamén se lle deu unha capa de aglomerado en quente á rúa, co cal quedou moitísimo mellor para o seu tránsito”.
O concelleiro de Obras dixo que “estivemos falando cos veciños e están contentos coa obra. Penso que era un problema que tíñamos pendente de resolver, tíñamos unha débeda con eses veciños. Creo que é unha obra boa e que soluciona un problema para moitísimo tempo. Hoxe están cos últimos retoques e espero que non haxa ningún tipo de problema unha vez finalizada a obra. Era unha moi necesaria”.