Rematan as obras de eficiencia enerxética no Hospital da Mariña
As melloras nas envolventes térmicas e a substitución das carpinterías exteriores permitirán aforrar 800 megavatios ao ano
Rematáronse as obras de eficiencia enerxética no Hospital da Mariña tras un investimento de 1,8 millóns de euros do Goberno galego.
Con esta obra mellorouse toda a envolvente térmica do edificio, mediante a instalación dunha fachada ventilada de granito no andar inferior e de formigón polímero no resto dos andares. Así mesmo, instalouse illamento térmico tamén sobre as cubertas planas existentes, aproveitando para impermeabilizalas e renovar as baixantes das cubertas inclinadas. Xunto ao anterior, substituíronse as carpinterías exteriores antigas, con vidros de mellor comportamento térmico.
Toda esta obra permite ter un hospital moito máis sustentable, cun sistema de calefacción que pasa dun nivel F a un nivel A, que posibilita un aforro de enerxía primaria de 800 megavatios ao ano e unha diminución anual das emisións de 151 toneladas de CO2, “co que se gana un centro sanitario máis confortable para pacientes e profesionais e máis respectuoso co medio ambiente”, din dende o Goberno galego.
Tal e como destacou o responsable da sanidade pública galega, estas actuacións súmanse ás rematadas o ano pasado e que supuxeron a ampliación en máis de 9.500 metros cadrados deste hospital, tras un investimento de 13 millóns en obra e 2 millóns de euros en equipamento.
O conselleiro salientou que os investimentos neste hospital continuarán coa fase II e III, cuxo proxecto vén de seren adxudicado o mes pasado. Suporá unha reforma integral de 8.300 metros cadrados e a construción dun novo edificio. Proximamente, presentarase o proxecto e iniciarase o proceso para desenvolvelo e poder licitar a obra o vindeiro ano.
En consecuencia, 2022 será o ano do inicio dunha seguinte fase que suporá un novo investimento de 15 millóns de euros. Ademais, seguirase tamén equipando o hospital, que este ano recibiu dous novos equipos radiocirúrxicos por valor de 180.000 euros, e que, en breve, disporá dun novo ecógrafo para o servizo de urxencias, froito da licitación que o Sergas efectuou no presente mes para renovar este equipamento nos hospitais comarcais.