Rematan as obras de ampliación do abrigo de Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
Rematan as obras de ampliación do abrigo de Burela na que a Xunta investiu 1,2 millóns de euros.
21 Dec 2020

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de recibir as obras da segunda fase da ampliación do abrigo do porto de Burela, na que a Xunta investiu 1,2 millóns de euros. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial do Executivo galego en Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá a zona para comprobar o remate dos traballos e a habilitación do espazo de atraque xerado grazas ao novo  tramo de dique.

As obras consistiron na construción dun peirao de oito metros na dirección xa existente e doutros 50 metros adicionais en ángulo con aquel, para mellorar o abrigo do porto e ampliar o atraque. A súa misión fundamental é a de reducir a axitación do interior das dársenas así como conseguir maior capacidade de atraque e servir para amortecer a ondada que exerce o dique de abrigo.

Esta actuación completa a primeira fase do abrigo executada en 2015 e únese a outras recentemente executadas no mesmo porto, como a reposición da cuberta dos departamentos de armadores, a reparación da cuberta da nave de Expomar e o corte do recalce do peirao que emprega o estaleiro Armón. Así mesmo, a presidenta de Portos de Galicia anunciou que o seu departamento vén de adxudicar a mellora da nave de redes de Burela por importe de 287.000 euros. “En total, no último ano o ente público destinou a Burela 1,6 millóns de euros”, sinalou representante do Executivo galego.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo destacou que as actuacións financiadas pola Consellería do Mar no porto de Burela, “serven para mellorar tanto as condicións de traballo dos pescadores como a súa seguridade e para incrementar a capacidade do atraque do porto, o que contribuirá a aumentar a competitividade do sector”.

Visita ao estaleiro

Susana Lenguas e Javier Arias tamén comprobaron na súa visita a Burela o avance dos traballos de fabricación dunha embarcación de 63 metros de eslora con carácter auxiliar para megaiates que se está a construír en Astilleros Armón. Os representantes da Xunta subliñaron a aposta da Administración galega polo apoio xurídico e administrativo a todas as empresas que desenvolven a súa actividade nos portos autonómicos e “actúan como dinamizadores económicos das vilas que os acollen”. Finalmente a presidenta de Portos de Galicia explicou que o seu departamento está tramitando unha ampliación da concesión a esta empresa para aportar estabilidade “e afianzar a importante actividade que realiza no porto de Burela”.

0.19279718399048