Rematan as obras das beirarrúas nas curvas das cartoneras de Foz
O Concello de Foz rematou a construción dunha nova beirarrúa nas chamadas curvas das cartoneras, en Vilaxoane, dentro do plan municipal de mellora de accesibilidade que se está a executar e no que se inclúen actuacións como a nova rampla de acceso á residencia de maiores e a urbanización da rúa Julia Minguillón.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca a utilidade da obra, que “vai supoñer unha mellora moi substancial na calidade de vida duns veciños que viven nunha zona moi perigosa. Ata o de agora supoñía un risco elevado unha acción sinxela do día a día como sacar o lixo. As curvas de Vilaxoane teñen unha elevada densidade de tráfico, pouca visibilidade e o ancho é escaso. É por iso que vimos moi necesaria a petición veciñal de executar na marxe esquerda de entrada a Foz unhas beirarrúas que permitan que veciñas e veciños accedan ás súas vivendas con seguridade. Aínda que as beirarrúas non teñen as dimensións que nos gustaría pola realidade da zona, a mellora é moi significativa”.
Ademais o rexedor focense informa que despois de Semana Santa comezarán os traballos de aglomerado, tanto na entrada de Vilaxoane como na de Marzán, “moi necesaria en puntos que teñen uns baches moi pronunciados. Aproveitaremos tamén para elevar pasos de peóns e deste xeito reducir a velocidade de vehículos nunhas zonas moi poboadas”. O financiamento destes traballos é con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo do ano 2020.