Rematados os traballos de mellora da senda que vai desde a Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas en Ribadeo

AMariñaXa
Remataron os traballos de conservación e mellora da senda que vai desde a Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas en Ribadeo
Ribadeo paneis Vilavella 1
21 Mar 2023

Remataron os traballos de conservación e mellora da senda que vai desde a Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas e nos terreos da Rede Natura 2000. A actuación, que consistiu na eliminación de especies exóticas invasoras, retirada de lixo e instalación de dous paneis informativos, realizouse nunha superficie de máis de 90.000 metros cadrados e o investimento ascendeu a 18.000 euros, procedentes de fondos europeos e do propio Concello.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explicou: “rematáronse uns traballos de mantemento tanto na senda como nos terreos afectados pola Rede Natura 2000 na zona da Ría de Ribadeo no tramo da senda das Aceas. Actuouse na senda actual, que bordea todo o ámbito da Vilavella e que remata no muíño de mareas das Aceas. Tamén incluíron o control e retirada de especies exóticas e invasoras, a eliminación do lixo e de  verteduras difusas e a instalación de dous paneis con información sobre as normas mínimas de comportamento para o público”.

O edil nacionalista subliñou que “todas estas intervencións de mantemento e control teñen un orzamento total de 18.149,99 euros, aportados por fondos europeos e o Concello de Ribadeo. A superficie total da actuación son 90.760 metros cadrados e o obxectivo prioritario deste tipo de accións é impedir a propagación destas especies invasoras e mellorar o estado de conservación dos hábitats da Rede Natura 2000”.

Para Díaz Freije “isto é un grao de area máis de toda esta política medioambiental que se está a facer desde o Concello desde hai xa moitos anos e que pretendemos seguir con ela, con este tipo de actuacións de conservación e de mantemento do estado de todas estas zonas verdes tan atractivas que ten o concello de Ribadeo”.

0.13160705566406