Rematado o obradoiro dual de emprego Ribadeo alén do Camiño

TerraChaXa | AMariñaXa
Rematado o obradoiro dual de emprego Ribadeo alén do Camiño
12 Dec 2020

Este mediodía foi clausurado o obradoiro dual de emprego Ribadeo alén do Camiño, promovido polo Concello de Ribadeo e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Ao acto celebrado no salón de plenos asistiron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O rexedor dixo: “sei que aproveitastes todos estes meses para aprender e aínda que na vosa cuestión laboral futura non vos dediquedes exactamente a isto si que vos vai supoñer un pouso cultural e académico para seguir adiante cos vosos quefaceres laborais”. Suárez Barcia agradeceu a asistencia de Javier Arias a este acto de clausura e de entrega de diplomas.

Cun total de 20 participantes, este obradoiro tivo desde o seu inicio dous obxectivos principais. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, subliñou que “o primeiro gran obxectivo a cumprir foi o de conseguir que os 20 alumnos/as participantes, que ata a súa incorporación ao proxecto estaban en desemprego, adquiriran a formación e destrezas profesionais necesarias, procurando a súa cualificación profesional e favorecendo a súa posterior inserción laboral. Para isto, impartíronse dúas especialidades formativas, dirixidas á obtención por parte dos participantes do correspondente certificado de profesionalidade, a de Confección e publicación de páxinas web e a de Promoción turística local e información ao visitante, dous perfís profesionais cunha ampla e importante demanda laboral para desenvolver a súa actividade profesional tanto por conta propia, como por conta allea en empresas ou entidades públicas ou privadas relacionadas co desenvolvemento de software con tecnoloxías web no primeiro caso, e coa información e asesoramento, planificación, creación de produto e promoción turísticas e xestión de unidades de información e distribución turísticas no segundo”.

O edil ribadense indicou que “o segundo obxectivo centrouse en promocionar e poñer en valor o Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo co fin de consolidar ao Concello como a porta de entrada do Camiño Norte, favorecendo a difusión deste itinerario e destacando o papel do municipio como fito de gran relevancia dentro do mesmo”.

O traballo desenvolto neste obradoiro centrouse en salientar a importancia do patrimonio cultural, natural e inmaterial atopado ao longo deste percorrido para o que se desenvolveron diferentes actividades durante estes meses a través da promoción turística e información ao visitante así como a publicación e confección de sistemas de promoción a través das novas tecnoloxías, empregando referentes e atractivos turísticos como O Santuario de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, que alberga o maior patrimonio en pinturas murais tardo medievais e outros atractivos patrimoniais e naturais que podemos atopar neste concello.

Vizoso Galdo contou que “froito dunha parte destas actividades que se desenvolveron destaca a publicación da páxina web caminodesantiago.ribadeo.gal, que contribuirá a reforzar o papel da Ribadeo como un enclave de relevancia dentro das vilas históricas polas que pasa o Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. É xunto có Camiño Primitivo unha das vías de peregrinación a Compostela con maior historia e antigüidade. Nela os usuarios deste camiño atoparán a toda a información que poidan precisar para axudalos a planificar o seu itinerario, ven sexa porque chegan a Ribadeo durante o seu percorrido ou porque escollan a vila como punto de partida cara a Compostela”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “a través do catálogo Ribadeo prepara o teu Camiño, ponse a disposición dos camiñantes unha mostra de produtos e servizos pensados e centrados nas súas necesidades, que prestados desde a rede local de Establecementos amigables co peregrino contribuirán a facerlle a súa estadía máis grata e achegaralles un pouco da calidade e bo facer do comercio e da hostalería locais. A páxina tamén ofrece información dos principais recursos patrimoniais, culturais e naturais a través do deseño dun plano interactivo, e inclúe a posibilidade de facer visitas virtuais a través de fotografía panorámica 360º polas principais rutas turísticas existentes no municipio, contribuíndo á mellorar a promoción turística local e potenciando o papel de Ribadeo dentro dos principais destinos turísticos no ámbito cultural e patrimonial de Galicia”.

0.15150713920593