Rematado o obradoiro de emprego Territorio Vivo de Ribadeo e Barreiros
O salón de plenos acolleu a clausura e a entrega de diplomas ao alumnado do obradoiro de emprego para persoas mozas Territorio Vivo, promovido polos Concellos de Ribadeo e Barreiros. Ao acto asistiron os alcaldes de Ribadeo e Barreiros, Fernando Suárez e Ana Belén Ermida Igrexas, o concelleiro de desenvolvemento local, Pablo Vizoso, así como a xefa do servizo de orientación e promoción da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Beatriz Corral.
Este obradoiro de emprego financiado polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, naceu do compromiso e a aposta dos Concellos de Ribadeo e Barreiros pola promoción e o uso das novas tecnoloxías na xestión e difusión integral do patrimonio documental e natural que ámbolos dous Concellos posúen, formando durante un ano a dezaseis mozos e mozas menores de 30 anos nas especialidades de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e na de interpretación e educación ambiental.
Ao mesmo tempo que ían recibindo a formación necesaria, foron realizando tamén unha serie de importantes traballos cos que lograron alcanzarse os obxectivos fixados ao comezo deste obradoiro. Entre eses traballos cómpre subliñar que a especialidade de gravación de datos rematou a organización e descrición da documentación dos dous arquivos municipais, o que facilitará o acceso aos documentos aos funcionarios municipais e á cidadanía en xeral. Ademais, esta especialidade tamén levou a cabo a dixitalización dunha parte do fondo de prensa antiga da Biblioteca Municipal de Ribadeo e ao mesmo tempo no Concello impulsaron actividades de difusión e de promoción deste patrimonio documental realizando exposicións físicas e visitas guiadas ao arquivo que tiveron unha boa acollida por parte da veciñanza. En canto á especialidade de interpretación e educación ambiental, tamén realizou un excelente traballo deseñando e executando diferentes estratexias de promoción, apoio e sensibilización para a conservación da nosa contorna natural destacando o deseño e a execución dun horto escolar no CEIP Gregorio Sanz así como visitas guiadas interpretadas pola ría de Ribadeo e á praia de Altar, en Barreiros. Tamén crearon unha nova ruta circular que inclúe a fraga de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, coa colocación de paneis interpretativos e folletos dixitais da citada ruta.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, dixo que “sen dúbida vendo como se desenvolveron estes meses o obradoiro foi aproveitado e serao no futuro por vós. Estes obradoiros, ademais da formación que supoñen e da posibilidade de abrir novas vías laborais, en moitos casos tamén serven para aprender a traballar en equipo e a desenvolver determinadas actividades e en determinadas situacións que doutro xeito aos que moitas e moitos de nós non teríamos acceso”.
E subliñou que “o obradoiro fixo un traballo moi bo, no só na forma de desenvolvelo senón tamén porque queda para o futuro e porque deixades pegada, que ao final é do que se trata: que os traballos que se fan queden para que a xente vexa e saiba valorar todo ese esforzo e as gañas que lle puxestes”.
E o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou que “o outro día un historiador dicíame expresamente que é unha marabilla consultar o arquivo do Concello dixitalmente e canta información oculta se estaba sacando polo que agora era un pracer vir ao arquivo de Ribadeo. Supoño que outros arquivos serán tan importantes como o de Ribadeo, pero igual non teñen o mesmo nivel de accesibilidade”.
O rexedor ribadense manifestou: “tamén quero destacar accións singulares que se foron facendo, nas que sei que botastes unha man: isto das Pedras da Memoria, que fixemos hai uns meses e no que contribuístes mirando polos padróns dos anos 30, 20 e 10, hai máis de cen anos nalgúns casos; e foron cousas realmente bonitas”.