Rematadas as obras na estrada das praias de Barreiros executadas pola Deputación

AMariñaXa
José Tomé comprobou coa Alcaldesa as melloras feitas pola institución provincial na estrada das praias que ten gran relevacia
deputacion barreiros obras estrada praias
29 Out 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, supervisou este xoves obras de mellora executadas pola institución provincial no municipio mariñán que ascenden a un total 156.127€. En concreto, comprobou o resultado das obras executadas na estrada das praias, a LU-P-0610, e na LU-P-0608, que conecta o núcleo de San Cosme coa Ínsua. 

En primeiro lugar, Tomé Roca valorou os traballos executados na LU-P-0610, onde se investiron recentemente 120.777€ na renovación do treito comprendido entre os puntos quilométricos 1,400 e 3,241. Unhas obras que incluíron as tarefas de limpeza de cunetas, drenaxe, aglomerado en quente e sinalización horizontal. Estas melloras súmanse ás executadas á continuación deste treito, entre os puntos 3,400 e 5,400, onde a Deputación de Lugo investiu 91.300€.

Polo tanto, lembrou o Presidente, o investimento total da administración provincial nesta estrada alcanza os 212.000€, entre as dúas actuacións. Unha aposta da Deputación por esta vía que ten unha gran relevancia social e que soporta moito tráfico, sobre todo no verán, ao dar servizo ás praias, á restauración e ás vivendas que se atopan ao carón da costa. 

Nesta visita a Barreiros tamén participaron os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, así como membros da Corporación municipal e veciñanza.

ESTRADA DA ÍNSUA

José Tomé comprobou así mesmo a mellora do firme da estrada que realizou a Deputación na vía que une o núcleo de San Cosme de Barreiros coa Ínsua e que supuxeron un investimento de 35.350€. 

Os labores executados nesta vía consistiron na reapertura de cunetas, o estendido de aglomerado en quente e as correspondentes sinalizacións. Actuouse no primeiro quilómetro da vía, dende o cruzamento coa N-634.

Trátase da antiga LU-P-0608 e é a vía que comunica o centro da vila co cuartel da Garda Civil, coa igrexa, co punto limpo e coa capela de Santo Estevo, entre outros puntos de interese, polo que dá servizo a numerosos veciños e veciñas e aos visitantes.

Deste xeito, incidiu Tomé Roca, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo deste xeito a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo.

0.18035984039307