Rematadas as obras de mellora en estradas de Ourol
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, comprobou xunto ao alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, o resultado das obras executadas nos últimos meses cun investimento da institución provincial de 350.000€. En concreto, actuouse cun proxecto de 255.000€ en catro vías: na LU-P-6602, na LU-P-3805, na LU-P-3808 e na LU-P-6406, e con outro proxecto para a LU-P-3807, destinando 95.500€.
Tomé Roca estivo supervisando as melloras feitas na vía LU-P-6602, que conecta Rúa Nova a Muras por Sixto dende o punto 18,550 ata o 19,095. Rehabilitouse o firme con aglomerado en quente esta vía que dá servizo á veciñanza que ten gando na Serra do Xistral e tamén ás empresas que realizan o mantemento dos parques eólicos da zona. Pola súa banda, tamén se actuou na LU-P-3805, que une os núcleos de Sixto con Campo do Foxo e que comunica as parroquias de Bravos, Ambosores e Sixto, en dous treitos: dende o quilómetro 0 ata o 1 e do 11,240 ao 14,917.
Outra das obras realizadas pola Deputación en Ourol foi a da estrada LU-P-3808, que une os núcleos de Foxo a Portapena, onde se arranxaron case 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 2,67. Pola súa banda, mellorouse a vía LU-P-6406, que vai dende Cristo da Portapena ata Ponte Segade, quedando renovados os 200 primeiros metros da estrada.
O mandatario provincial salienta tamén que en Ourol a institución executou melloras na LU-P-3807, a vía máis rápida que teñen os veciños da parroquia de San Pantaleón para chegar a Ourol e Viveiro. Nela a Deputación investiu preto de 95.500€ nos traballos de mellora nun treito de máis de 7 quilómetros, acondicionando a vía e repoñendo as liñas e marcas viarias reflexivas brancas.
Na visita tamén participaron os Deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, ademais dos enxeñeiros encargados da redacción e execución dos proxectos.
“Seguimos demostrando que unha da prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e que axude a manter ou crear emprego”, subliña o Presidente.
MÁIS DE 6M€ NA MARIÑA
A Deputación de Lugo inviste a longo deste ano 2021 nas estradas da Mariña máis de 6M€ a través de diferentes liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo, preto de 800 percorren a comarca mariñana.
Ao longo deste ano, a institución provincial ten en marcha unha vintena de proxectos finalizados ou en marcha para mellorar as vías da zona norte da provincia por un importe superior aos 1,61 M€. A esta cantidade súmanse as diferentes accións que, con cargo ao Plan Único 2021, melloran os camiños, os accesos a núcleos rurais e o acondicionamento e humanización de diferentes vías municipais cun custe total por riba dos 2,77M€. A maiores, o Plan Provincial de Conservación de Estradas destina á Mariña preto de 1M€, aos que hai que engadir outras colaboracións con entidades locais da comarca, como o convenio da Deputación co Concello de Foz para a urbanización da rúa Costa do Castro por importe de 466.880€, e que para esta anualidade ten consignados 233.440€.
A Deputación de Lugo tamén acomete obras de mellora e acondicionamento de vías, tanto provinciais, como municipais, con medios propios, a través dos equipos e os traballadores cos que conta no Parque Móbil. Ao longo deste ano 2021, a institución levou a cabo na Mariña diversas actuacións co Parque Móbil, que están valoradas nun prezo de mercado de 500.000€.