Rematadas as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ribadeo
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ribadeo, mellorando tanto a imaxe como a funcionalidade das instalacións.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos, que contaron cun investimento de 140.000 euros para a substitución da cuberta e outras actuacións tanto na estrutura como nos servizos.
Así, reformáronse os aseos, reparáronse os falsos teitos e pintáronse as paredes, ademais de mellorar a instalación eléctrica e instalar pantallas informativas electrónicas. Igualmente, acondicionouse o pavimento exterior, as portas e a malla de peche, e limpáronse as pezas de aplacado de granito da fachada. Tamén se cambiaron as luminarias da dársena por outras tipo LED, máis eficientes e con menor consumo enerxético.
Por último, instalouse sinalización para advertir da necesidade de manter a distancia social recomendada por mor da Covid-19, neste caso en cumprimento da Orde da Xunta do 6 de maio pola que se aprobaron as medidas de aplicación nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica no marco da actual emerxencia sanitaria.