Rematadas as obras da ponte que une Valboa e Cedofeita
Remataron as obras de acondicionamento da ponte que une a parroquia trabadense de Valboa e a ribadense de Cedofeita. Tras estes traballos, realizados de forma conxunta co Concello de Ribadeo, a vía reábrese ao tráfico rodado.
Os traballos consistiron no acondicionamento e pavimentación deste camiño supramunicipal, que une as citadas parroquias a través dunha ponte. Ademais, prolongouse o paso existente sobre o rego Ferreira e instaláronse barreiras de seguridade en ambas marxes, para que o acceso estea en boas condicións.
“Ambos concellos fixemos un esforzo para arranxar este camiño, que une diferentes núcleos de poboación. Antes dos traballos, a vía presentaba un estado deficitario cunha ponte moi estreita sobre o rego Ferreira, polo que tras as obras melloramos a comunicación e a seguridade viaria”, explica Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada.
Esta vía serve de acceso a fincas agrícolas, explotacións gandeiras e forestais, polo que soporta bastante tráfico pesado, que ocasiona un maior deterioro do firme. “Mellórase tamén o trazado da curva, para facilitar os xiros de vehículos pesados. Ademais, co acondicionamento da vía, os vehículos en servizo de emerxencia poden facer da mesma en boas condicións”, engade a rexedora.
Para poder realizar os traballos, ambos municipios lograron unha subvención solicitada conxuntamente á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta.
Os Concellos de Ribadeo e Trabada aportaron o 30% dun orzamento que ascende a 62.500 euros.