Rematan as obras da área recreativa da Vilavella grazas a unha achega do Goberno autonómico
Remataron as obras de acondicionamento e mellora da área recreativa da Vilavella onde se recuperou e ampliou o espazo verde grazas a unha achega do Goberno autonómico.
A ampliación do espazo verde levouse a cabo no que antes ocupaba a antiga estrada que daba acceso ao núcleo urbano, e creouse unha zona de lecer e de descanso, que contará cun miradoiro, con bancos, mesas, aparcabicis e paneis informativos.
Con estas actuacións acondiciónase este espazo para convertelo nunha área recreativa de fácil acceso a pé ou en vehículo, e que sirva de zona de descanso ou de paso cara a ruta do Muíño das Aceas dentro do Camiño Natural do Cantábrico que percorre toda a costa.
O voceiro do PP en Ribadeo, Daniel Vega, destaca o compromiso do grupo municipal e a Xunta de Galicia na mellora da área recreativa de Vilavella cun orzamento de 30.000 euros. “Unha boa iniciativa para mellorar as entradas a nosa vila” di Dani Vega.
Para o popular era importante investir nas entradas de Ribadeo pois “todos sabemos que non están nun bo estado”. Neste sentido, Vega explica que cabe facer unha reflexión “debemos investir diñeiro público e que as administracións poidan xestionalo previamente para mellorar todo estos espazos”
Actuacións na área recreativa
Grazas á axuda orzamentaria da Xunta de Galicia as actuacións que se levarán a cabo na área contará coa eliminación do impacto paisaxístico negativo, o asfaltado dun treiro que está en desuso. Por outra banda, se procederá á eliminación dos eucaliptos na marxe da ría de Ribadeo e a plantación de árbores autóctonos. Ademais, dentro dos traballos tamén está a mellora da iluminación reducindo a contaminación lumínica.