Rematada en Alfoz a nova ponte sobre o Rego dos Agros, que restablece o acceso á Pena do Golpe

AMariñaXa
O Concello investiu máis de 95.000 euros nunha infraestrutura que mellora a seguridade, o drenaxe e a integración paisaxística na parroquia de O Pereiro
ALFOZ-Ponte-do-rego-dos-Agros-2025
11 Oct 2025

O Concello de Alfoz vén de concluír as obras de construción da nova ponte sobre o Rego dos Agros, na parroquia de O Pereiro, unha actuación que permite recuperar o acceso ao núcleo da Pena do Golpe, tras o colapso dos antigos tubos de drenaxe que provocaran o corte da estrada e deixaran incomunicadas ás veciñas e veciños da zona.

A intervención supuxo un investimento total de 95.635,03 euros e responde, segundo o goberno local, “á necesidade urxente de garantir a comunicación viaria e a seguridade dos habitantes da parroquia”.

A nova infraestrutura está composta por marcos prefabricados de formigón armado, cunha luz libre de tres metros e unha altura de dous e medio, o que asegura unha capacidade de desaugadoiro axeitada mesmo en períodos de fortes choivas. Ademais, para favorecer a súa integración paisaxística, empregáronse materiais propios da contorna e construíronse escolleras revexetas co obxectivo de reducir o impacto visual e ambiental da obra.

O proxecto incluíu tamén a reposición do firme, a instalación de barreiras de seguridade e a aplicación de medidas de protección do leito durante todo o proceso de execución.

Desde o executivo municipal subliñaron que “esta actuación era prioritaria para restablecer un acceso viario esencial e garantir unha conexión segura e eficiente coa zona”. Engadiron que a nova ponte “non só mellora o tránsito, senón que ofrece unha solución sostible e adaptada ao medio natural”.

O goberno de Alfoz asegurou, ademais, que seguirá a traballar “para mellorar a rede viaria en todo o municipio, atendendo ás necesidades de cada parroquia e evitando que ningunha zona quede illada”.

⚙ Configurar cookies
0.075353860855103