Rematada a obra do novo Caiss da Seguridade Social de Viveiro
Finalizou a obra do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) de Viveiro, co que o Goberno cumpre unha demanda de 30 anos da comarca da Mariña. José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, comprobou o resultado deste investimento de 844.325 euros sobre unha parcela cedida polo Concello xunto coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O novo edificio, que foi recepcionado onte, substituirá ao actual CAISS ubicado na planta baixa da Casa do Mar de Celeiro, onde comparte as instalacións con outros servizos do Estado e da Xunta. O delegado do Goberno lembrou que por estas instalacións pasaron nos últimos dous anos máis de 20.000 persoas que agora verán mellorada a atención cun “edificio diáfano, accesible e cunha superficie de 400 metros cadrados”, na liña da traballo do Goberno de garantir o acceso á xestión das prestacións. “Nun momento como o actual, é prioritario facilitar estos trámites por tódalas canles posibles”, indicou, engadindo que na provincia de Lugo, “só en maio a Seguridade Social aboou máis de 38.000 pensións por xubilación, viuvez ou incapacidade, e o Ingreso Mínimo Vital chegou a 4.671 lucenses”.
O delegado do Goberno indicou que estes investimentos permiten avanzar cara á cohesión territorial, que conforma, xunto coa cohesión social, a transición ecolóxica, a transformación dixital, e a igualdade de xénero os eixes estratéxicos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. A cohesión territorial nace do “convencemento de que calquera cidadán, con independencia de onde resida, debe ter as mesmas oportunidades para estudiar, para traballar e para relacionarse coas administracións”, explicou José Miñones.
Xunto co novo CAISS, o Goberno promove outras actuacións na Mariña para avanzar nesta modernización sostible, dixital, e cohesionada. O delegado citou, entre outras accións, a extensión da banda ancha de altas prestacións a través do Plan PEBA. No caso de Viveiro, a última convocatoria deste Plan do Goberno permitirá ampliar este servizo imprescindible a 83 entidades de poboación deste Concello nos próximos meses dentro do proxecto aprobado para a provincia de Lugo e que mobiliza 7,5 millóns de euros.
Por outra banda, a zona rural de Viveiro tamén se esta beneficiando do plan da empresa Correos polo que os carteiros que prestan servizo nestas áreas posibilitan aos cidadáns realizar xestións como pago de recibos, que ata agora só se prestaban nas oficinas.