Remata o prazo para presentarse aos Premios á Excelencia do Turismo
Este venres, 5 de xullo, conclúe o prazo de presentación das candidaturas para os Premios á Excelencia do Turismo da provincia nas categorías: Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Turismo Sostible e ...E para comer, Lugo gastronomía Lucense. A estes recoñecementos poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións, entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres categorías convocadas. Ademais, tamén se terá en conta a súa repercusión no ámbito turístico e gastronómico a nivel provincial ou nalgunha zona específica.
As candidaturas deberán realizarse a través da sede electrónica da institución provincial e poderán formularse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do interesado.
A Deputación de Lugo convoca estes galardóns dende o ano 2020 nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense e no 2022 a institución creou a modalidade de Turismo Sostible, que pretende distinguir aqueles proxectos que, dentro do ámbito provincial, contribúan a acadar a sustentabilidade no eido social, económico e medioambiental.
O xurado, que estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, fallará, nunha sesión extraordinaria, tres premios nas categorías de Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, e un único galardón no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a achega da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.
Os premios entregaranse nun acto público que terá lugar o Día Mundial do Turismo, o próximo 27 de setembro, e terán carácter honorífico. Os galardoados recibirán un diploma acreditativo e unha peza de artesanía tradicional da provincia.