Remata o obradoiro de emprego O Castro IX, centrado en traballos de xardinería e urbanización

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Promovido polo Concello de Ribeira de Piquín, están asociados os de Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto
obradoiro-de-emprego-ribeira-de-piquin
10 Dec 2024

A Xunta clausurou o obradoiro de emprego O Castro IX, promovido polo Concello de Ribeira de Piquín asociado cos de Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou que a iniciativa terá continuidade cun novo taller compartido polos mesmos municipios que comezará en decembro e terá unha duración de nove meses.

Os dous programas suman un investimento de 943.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. En conxunto serven para mellorar as oportunidades laborais de 40 persoas desempregadas.

Arias participou na entrega dos diplomas aos alumnos e alumnas que veñen de rematar a súa formación nas especialidades de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. O obradoiro que comezará proximamente incluirá unha terceira especialidade centrada nos servizos para o control de pragas.

Durante o último ano, os participantes recibiron formación teórica e práctica, desempeñando traballos de interese público nos concellos promotores. No que respecta a Riotorto, Ribeira de Piquín e A Pastoriza levaron a cabo o mantemento e acondicionamento de múltiples zonas verdes, rutas fluviais, rutas de sendeirismo e áreas recreativas.

No caso de Pol, recuperaron o entorno da Fonte de Ver e uns muros de cachotería no acceso ao núcleo de Vigo, en Suegos. En Castroverde proxectouse a reforma das escolas de Furís e Meda.

O delegado territorial subliñou que os obradoiros de emprego capacitan ao alumnado para exercer profesións con elevada demanda no mercado laboral, ao tempo que desenvolven funcións en beneficio dos veciños e veciñas dos municipios promotores.

0.16655588150024