Remata o Domingueo en Ribadeo con Música de Sofá
Este domingo, 7 de xullo, rematará o Domingueo en Ribadeo, que se veu celebrando desde o pasado 21 de abril, organizado tamén polo Concello e por Acisa. Música de Sofá actuará a partires das 13.00 horas na Zona Vella para animar a hora do vermú, dos viños e das compras en Ribadeo. “Estamos contentos coa acollida que tiveron estes concertos por diferentes recunchos da nosa vila, porque encheron de ritmo os mediodías dos domingos. Foron 7 actuacións as que se desenvolveron entre abril e xullo”, sinalan desde a organización.
O Domingueo en Ribadeo pasou polo porto, pola rúa San Francisco, pola Praza de Abastos, pola Avenida Rosalía de Castro, pola rúa San Roque e pola Praza de Abaixo. No nome da organización a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anima “á xente de toda a contorna e aos visitantes que se atopan por aquí, e que xa son moitos, a achegarse a gozar do Domingueo en Ribadeo e de todas as propostas previstas para esta fin de semana. Agardamos que o tempo nos bote unha man para poder aproveitar e desfrutar das rebaixas, das terrazas e das vésperas do Ribadeo Indiano. Imos así quentando motores para a novena edición deste evento histórico cultural”.