Remata en Viveiro a Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste

AMariñaXa
Rial puxo en valor a recente aprobación dunha nova partida de 2,8 millóns de euros para financiar os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros
interfederativa-pesca-viveiro
18 Oct 2025

Viveiro acolleu esta semana a décima edición da Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico-Noroeste, un foro de debate que xa se consolidou como punto de encontro esencial entre o sector pesqueiro artesanal e as administracións públicas. O encontro, organizado pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo coa colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, serviu para reflexionar sobre a situación actual da pesca de baixura e abordar os principais retos de futuro.

Na clausura participaron a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime; a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo e tamén da Federación Nacional, José Basilio Otero. Tamén estivo presente o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Cándido Rial Rodríguez, quen destacou o compromiso do Goberno galego coa pesca artesanal, apoiada cun investimento de máis de 4,8 millóns de euros financiados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Rial puxo en valor a recente aprobación dunha nova partida de 2,8 millóns de euros para financiar os plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros, coa finalidade de fomentar a innovación, a sustentabilidade e a mellora da actividade extractiva. Segundo sinalou, “estas axudas son unha ferramenta clave para reforzar a competitividade dun sector que é esencial para Galicia”.

O encontro, que se desenvolveu durante dous días no Resort Las Sirenas, contou coa participación das Federacións de Confrarías de Guipúscoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, ademais da Federación Galega de Confrarías. Pola súa banda, Isabel Artime salientou que a Interfederativa se ten consolidado como un espazo de diálogo imprescindible entre as confrarías e as administracións, favorecendo a cooperación para avanzar cara a unha pesca máis sostible e competitiva.

Durante as sesións de traballo, o sector expuxo as súas principais inquedanzas e propostas sobre o proxecto de real decreto que regulará a xestión dos recursos pesqueiros, así como sobre cuestións relacionadas coas cotas ICCAT, a modificación do regulamento de control, o Real Decreto 186/2023 sobre ordenación da navegación marítima, o RD 587/2024 e pesqueirías específicas como o atún vermello ou o bonito do norte.

A clausura contou tamén coa proxección dun documental que repasou a historia da Interfederativa ao longo destes dez anos, recoñecendo o traballo de todas as persoas que contribuíron á súa consolidación. O presidente José Basilio Otero agradeceu a súa implicación e destacou que “este foro é un espazo necesario para que o sector fale con voz propia e avance conxuntamente coas administracións”.

Pechou o acto a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, quen subliñou a importancia de que o municipio acollera un encontro destas características, lembrando que “son moitas as familias de Viveiro, de Galicia e do norte de España que viven directamente do mar”. A rexedora apelou á responsabilidade das administracións para fomentar o diálogo e buscar solucións aos desafíos actuais da pesca artesanal.

En Galicia, esta modalidade pesqueira continúa a ser un piar fundamental: emprega directamente a arredor de 10.000 persoas e sostén indirectamente a máis de 16.500, con máis de 3.800 pequenas embarcacións distribuídas en 80 concellos costeiros. Representa o 60% do emprego pesqueiro galego, o que converte o país nunha das rexións europeas máis dependentes da actividade mariña.

⚙ Configurar cookies
0.071353912353516