Remata en Ribeira de Piquín o obradoiro de emprego O Castro VI

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Onte foron entregados os diplomas aos 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego O Castro VI.
obradoiro emprego ribeira de piquin
16 sep 2021

Onte foron entregados os diplomas aos 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego O Castro VI, compartido polos concellos de Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Pol, Riotorto e Castroverde. Foi un acto no que participaron os respectivos alcaldes ou, no caso do último concello, a concelleira da área de cultura e educación.

Os participantes reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer traballos na especialidade elixida -actividades auxiliares de conservación e mellora de montes-, ben como asalariados en empresas do sector ou como traballadores por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento. Ademais, incluíronse incentivos para a contratación de seis alumnos en empresas da contorna durante un mínimo de tres meses.

Proximamente dará comezo unha nova edición deste proxecto, que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios. A Consellería de Emprego e Igualdade destinará 353.000 euros á iniciativa, que xunto coa que agora remata eleva o investimento a 709.000 euros nos dous últimos anos.

Ao tempo que reciben aprendizaxe teórica e práctica, os participantes nos obradoiros de emprego realizan obras e servizos de interese social. Neste caso, levaron a cabo tratamentos silvícolas en camiños, parcelas forestais e zonas verdes dos cinco municipios implicados.

Así, entre outras, en Ribeira de Piquín desenvolveron este tipo de tarefas no Corral (parroquia de Santalla); na Pastoriza traballaron en camiños de Piñón, Gueimonde e Cadavedo e nas zonas verdes das escolas de Álvare e Corbelle e do Muíño da Soidade (Bretoña); e en Riotorto actuaron en parcelas forestais de Galegos e O Franco (Aldurfe), nun camiño da Rebordela e nunha senda de Fonfría (A Muxueira).

Tamén fixeron tratamentos silvícolas en camiños de Valonga, Valincovo (Milleirós) e Hermunde, no municipio de Pol; e nos camiños de Bolaño-Serés, Furís e Covelas-Lamouzán, no concello de Castroverde.

0.19790601730347