Remata con éxito a I Feira do Automóbil de Ribadeo

AMariñaXa
O evento, que tivo lugar no porto a carón da lonxa, contou coa presenza de seis empresas da zona
feira-automóbil-ribadeo
2 sep 2024

A primeira edición da Feira do Automóbil, celebrada en Ribadeo durante a fin de semana do 31 de agosto e 1 de setembro, foi cualificada como un éxito polos organizadores e participantes. O evento, que tivo lugar no porto a carón da lonxa, contou coa presenza de seis empresas da zona, que manifestaron a súa satisfacción tanto polas vendas realizadas como polos contactos establecidos.

Álvaro Doural, presidente da Asociación de Profesionais do Automóbil de Galicia (Apaga), fixo un balance moi positivo do evento. “Foi todo un éxito”, declarou Doural, quen destacou que, a pesar das complicadas previsións meteorolóxicas, o tempo finalmente axudou, especialmente no primeiro día. Aínda que a asistencia non foi masiva, o público que se achegou tiña un claro interese en adquirir vehículos, o que se reflectiu nos resultados das empresas participantes. “Todas as empresas venderon coches e fixeron contactos, polo que estaban moi contentas”, engadiu.

De cara ao futuro, Doural anunciou que xa están planificando a segunda edición da feira, prevista para 2025. “A principios do ano que vén faremos unha reunión para planificar a segunda feira. Quizais se cambie algo o formato, xa que esta primeira edición se organizou con bastante presa”, explicou. O presidente de Apaga tamén subliñou a importancia de levar o evento fóra do centro do pobo, o que, segundo el, permitiu atraer a un público máis selecto e centrado no obxectivo da feira. “Sorprendeu bastante a acollida e desenvolveuse todo con orde”, apuntou. Por último, Doural expresou o seu entusiasmo por repetir a experiencia e a intención de analizar posibles melloras para futuras edicións. “O sitio é perfecto e ofrece unhas condicións de visibilidade e de acollida óptimas”, concluíu.

0.19844102859497