Remata a reforma da vivenda da antiga escola de Sante, en Trabada
O Concello de Trabada continúa co seu proceso de rehabilitación das vivendas ubicadas nas antigas escolas unitarias das parroquias para darlles un uso social. Tras un investimento de case 50.000 euros na obra, acaban de rematar os traballos de reforma da vivenda da escola de Sante, unha actuación integral para mellorar as condicións de seguridade, hixiene, salubridade, confort e eficiencia enerxética do inmoble.
O proxecto vai con cargo ao Plan de Cooperación cos Concellos 2024 da Deputación de Lugo. “Esta actuación súmase as que xa se realizaron noutras antigas escolas, como as de Trabadela e Vilapercide, e nas vindeiras semanas darán comezo as obras de reforma da vivenda da antiga escola de Vidal”, explica o alcalde, Rubén García.
A reforma das antigas escolas rurais para habilitar as súas vivendas cun fin social serve “para mellorar os servizos e as infraestruturas nas parroquias, unha prioridade para o goberno local”, engade o alcalde.