Remata a reconstrución da ponte de Paxarín en Trabada
O Concello de Trabada informa do remate das obras de reconstrución da ponte de Paxarín, deixando atrás desta forma os problemas que se ocasionaban nos meses de maiores precipitacións de auga.
“A ponte levaba en mal estado moitos anos e nos invernos a auga avanzaba por enriba impedindo o acceso de vehículos e persoas, polo que consideramos prioritario proceder á súa rehabilitación”, afirma a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.
Ademais dos problemas provocados pola choiva, a ponte de Paxarín estaba desprendéndose nos laterais, o que impedía garantir a seguridade viaria. A actuación realizouse coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, que fixo unha achega de 24.542,65 euros.
O proxecto tiña como obxectivo a reconstrución integral da ponte, que salva o Rego de Vilapercide e está situada no camiño de acceso ao núcleo de Mozandeo, desde a carretera LU-P-5506.
Os traballos consistiron na construción dun marco de formigón armado, renovando a pavimentación da ponte e dos accesos. Incrementouse ademais a capacidade de desagüe da zona, co obxectivo de rematar cos problemas de inundacións.
“Con estas obras damos resposta a unha demanda veciñal e continuamos co noso plan de mellora continua dos servizos e infraestruturas públicas de Trabada”, engade a alcaldesa.