Remata a ampliación de prazas de amarre no porto de Celeiro

AMariñaXa
Villares supervisou a finalización dos traballos que permitirán dotar ao porto de 70 novas prazas de atracada para embarcacións profesionais e recreativas
conselleiro-visita-pantaláns-Celeiro
4 sep 2024

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, remata as obras de ampliación de prazas de amarre no porto de Celeiro, situado no municipio lucense de Viveiro. A intervención, que supuxo un investimento de 650.000 euros por parte da Xunta de Galicia, foi anunciada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante unha visita esta mañá ás novas instalacións.

Acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e pola directora territorial de Mar, Mariña Gueimunde, Villares supervisou a finalización dos traballos que permitirán dotar ao porto de 70 novas prazas de atracada para embarcacións profesionais e recreativas. Estas obras incluíron a instalación de pantaláns flotantes e a recolocación dun dos pantaláns deportivos xa existentes, co obxectivo de dar cobertura ás necesidades tanto da frota profesional (3ª lista) como da náutica de recreo (7ª lista).

En concreto, para a frota profesional habilitáronse 18 novas prazas para embarcacións de entre 8 e 14 metros de eslora, situadas na marxe sur da dársena, xunto aos peiraos de descarga. En canto ás embarcacións de recreo, habilitáronse 52 prazas de 6 metros na marxe este da dársena, con acceso independente para os dous pantaláns deportivos. Ademais, foi necesaria a recolocación dun dos pantaláns deportivos actuais para garantir a maniobrabilidade das embarcacións profesionais. O conselleiro do Mar tamén informou de que actualmente se está procedendo á asignación das prazas de amarre en coordinación cos usuarios dos pantaláns, polo que se espera que as novas instalacións entren en servizo nos vindeiros días.

0.15797686576843