Reiteran ao Goberno central a solicitude de cesión gratuíta do antigo colexio de Celeiro

AMariñaXa
Permitiría trasladar a Escola Oficial de Idiomas Luz Pozo Garza, para ampliar as instalacións de Aspanane nos espazos actuais deste centro
antigo colexio celeiro
23 Maio 2021

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei a través da que se reitera ao Goberno de España a solicitude de cesión gratuíta do inmoble do antigo colexio de Celeiro en Viveiro para, previa rehabilitación, trasladar alí a Escola Oficial de Idiomas Luz Pozo Garza e, a súa vez, permitir o aproveitamento dos espazos que deixa baleiros este centro de idiomas para a ampliación das instalacións do colectivo social Aspanane, con destino a novos usos residenciais.

Segundo dixeron no Parlamento, o Goberno central “está a torpedear a aspiración da veciñanza de Viveiro, e do conxunto da comarca, que xa hai máis de dous anos acollía con satisfacción e esperanza o triplo acordo ao que chegaron a Xunta, o Concello e a Deputación nun exemplo moi positivo de colaboración institucional”.

Este acordo, asinado no mes de marzo de 2019, “blindaba a continuidade da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro, que contaría cunhas instalacións máis amplas e modernas; e Aspanane faría realidade o seu proxecto residencial para a atención de persoas con enfermidade mental”, concretou.

0.15625691413879