Recoñecen a Burela como Cidade Amiga da Infancia de Unicef
O Concello de Burela recibiu en Madrid o galardón que acredita a Burela como Cidade Amiga da Infancia, outorgado por Unicef. A alcaldesa Carmela López e o tenente de alcaldesa Mario Pillado participaron no acto de entrega de recoñecementos, no que tamén estiveron a ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego, ou o presidente de Unicef España, Gustavo Suárez-Pertierra.
"Que Burela sexa recoñecida como Cidade Amiga da Infancia é o selo ao compromiso do Concello coa protección dos dereitos da infancia a través de medidas concretas e recursos destinados ao desenvolvemento infantil e adolescente", afirma a rexedora.
"Entre as iniciativas clave, está a participación activa da mocidade mediante un Consello de Participación Municipal Infantil no que se debaten proxectos municipais cos rapaces e rapazas da vila", apuntou López. "É importante escoitalos e atender as súas demandas", engadiu.
Pola súa banda, Mario Pillado sinalou que "o obxectivo agora é manter esa distinción, porque nos ten que servir como incentivo para seguir traballando nesa liña e seguir mellorando no trato e protección dos dereitos da infancia e adolescencia, contando sempre para elo coa súa participación activa".
Burela foi distinguida no acto, celebrado no Salón de Actos Ernest Lluch do Ministerio de Xuventude e Infancia, xunto a outros dous concellos galegos, Viveiro e Nigrán, e outros 17 municipios de toda España.