Reclaman o Plan Especial de Ordenación Portuaria para o porto de Ribadeo

AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, reclama unha vez máis o Plan Especial de Ordenación Portuaria para o porto de Ribadeo
porto ribadeo
12 Ago 2022

O alcalde, Fernando Suárez, reclama unha vez máis o Plan Especial de Ordenación Portuaria para o porto de Ribadeo. O rexedor lamenta non poder ter departido co presidente da Xunta, que pasou pola vila nas últimas horas, sobre a situación de desamparo e desprotección xurídica na que se atopa esa zona. 

Suárez Barcia declarou que “soubemos pola prensa que o Sr. Rueda estivo onte no Porto Deportivo de Ribadeo. Vimos que estaba moi ledo de pasar un anaquiño do seu tempo no noso concello. Quero deducir que estea de vacacións polo que non avisou ao máximo representante do pobo por vontade da cidadanía, isto é, ao Alcalde. A verdade é que xa non nos sorprenden este tipo de desplantes por moitos dos seus subordinados, pero si que o faría se viñese de quen vén: do Presidente de todos os galegos e galegas”. 

O alcalde dixo que “ao non poder departir con el, quizais non foi consciente da situación de desamparo e desprotección xurídica no que se atopa a zona portuaria onde el estivo fotografándose co seu concelleiro local popular”.

Fernando Suárez explicou que “a situación de falta de atención por Portos de Galicia clama ao ceo desde hai moito tempo. A zona portuaria, tanto comercial, como pesqueira, como deportiva é da titularidade e da responsabilidade da Xunta de Galicia, a través do ente Portos de Galicia. E é de obrigado e necesario cumprimento a necesidade de ter un Plan Especial de Ordenación Portuaria (PEOP) do Porto de Ribadeo. Así poderíanse establecer moitas actividades, melloras, iniciativas económicas nesta grande superficie sen ter que estar absolutamente limitado como é o caso dos últimos anos, onde iniciativas económicas desistiron de instalarse ou de ampliar as súas instalacións precisamente pola falta deste Plan de Usos. Para iso levamos demandando formalmente ás sucesivas presidencias de Portos de Galicia que deben impulsar este plan, do mesmo xeito que desde o Concello, e no ámbito das nosas competencias, xa impulsamos e aprobamos os instrumentos de planeamento coma o Plan Xeral de Ordenación municipal do Concello ou o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico da vila”.

O rexedor confía que “agora con esta información verídica e precisa que seguro non lle facilitaron os compañeiros de fotografía, poida dar as instrucións necesarias e á volta do verán poidamos ver efectivamente que este Plan de Ordenación Portuaria vai adiante. E por suposto, e como non podía ser doutro xeito, quedamos á súa disposición para cantas dúbidas ou aclaracións poidan estimar oportunas”.

O alcalde, Fernando Suárez, enviou hai tempo escritos á presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, nos que aludía á importancia e á necesidade de contar con ese Plan Especial de Ordenación Portuaria do porto de Ribadeo. 

0.19274592399597