Liberdade de bufete

Por Rebeca Maseda
A palabra “liberdade” foi un estandarte na loita polos dereitos humanos, a xustiza social e o progreso das sociedades democráticas. Con todo, nas últimas décadas, a extrema dereita converteu este concepto nunha ferramenta discursiva baleira, especialmente no contexto dun liberalismo económico extremo. Este fenómeno consiste en reducir o significado da liberdade a unha noción de independencia individual absoluta e en empregalo para xustificar políticas económicas que benefician a uns poucos, mentres o resto da sociedade experimenta o enfraquecemento dos seus dereitos e seguridade económica.
A liberdade, no seu sentido orixinal, implica un equilibrio entre os dereitos individuais e a responsabilidade colectiva. Con todo, o discurso da extrema dereita tende a reducir a liberdade a un concepto individualista, entendida como a acción de facer o que un desexe sen importar as consecuencias para os demais. Esta distorsión utilízase para xustificar políticas de liberalización económica, promovendo a idea de que o individuo debe estar libre de toda restrición estatal e que o mercado debe regularse a si mesmo.
Neste contexto, a liberdade preséntase como a eliminación de impostos, a redución de regulacións laborais e ambientais e a diminución da intervención do Estado na economía. Aínda que a eliminación de barreiras burocráticas pode ser beneficiosa, a falta de controis pode derivar en abusos, como condicións laborais inxustas ou prácticas monopolistas.
No canto de liberar, este tipo de “liberdade” expón aos individuos a un mercado sen límites nin proteccións, onde só aqueles con capital suficiente poden realmente beneficiarse. A extrema dereita utiliza o concepto de liberdade para gañar simpatía en amplos sectores da sociedade. Baixo un discurso de “liberación” das ataduras do Estado, promete un acceso ilimitado a oportunidades, unha promesa que non se cumpre para a maioría. Este discurso populista diríxese a quen experimenta frustración co sistema económico ou están cansados da burocracia estatal, e ofrécelles unha visión simplista: a liberdade lograríase eliminando as restricións, sen ter en conta que moitas destas limitacións existen precisamente para protexer aos máis vulnerables.
Co lema de “defender a liberdade”, estes sectores xustifican a redución de políticas sociais, limitando os servizos públicos en nome dunha “eficiencia económica” que na práctica só beneficia a grandes corporacións e intereses privados. Así, o discurso de liberdade convértese nunha escusa para desmantelar o sistema de protección social, deixando á maior parte da sociedade desprotexida en materia de saúde, educación e dereitos laborais básicos. A banalización da palabra liberdade nun contexto de liberalismo económico extremo trae consigo varias consecuencias. Primeiro, debilítase o sistema democrático, xa que o discurso populista de extrema dereita desconfía das institucións e propón solucións simplistas.
A confianza no Estado e nos sistemas de regulación diminúe, deixando un baleiro que só beneficia ás elites económicas que teñen a liberdade de actuar sen restricións, pero sen ningunha responsabilidade social. En segundo lugar, este uso terxiversado da liberdade acentúa a desigualdade social. A redución das proteccións sociais e a apertura dos mercados de traballo sen control xeran unha clase traballadora exposta a condicións de explotación. Mentres tanto, os máis ricos, amparados nese liberalismo económico extremo, atopan cada vez menos barreiras para acumular poder e riqueza, perpetuando así unha estrutura desigual.
Para contrarrestar esta manipulación do concepto de liberdade, é esencial lembrar o seu verdadeiro significado: unha liberdade que integre a xustiza social e o respecto aos dereitos colectivos. A liberdade real non é só a ausencia de regulación ou intervención estatal, senón a garantía de dereitos fundamentais e a posibilidade de vivir con dignidade. Nun sistema que valore a verdadeira liberdade, o Estado cumpre un rol fundamental para equilibrar os intereses individuais e o benestar colectivo, protexendo ás persoas do abuso económico e asegurando condicións xustas para todxs.
Este enfoque permite que a liberdade non sexa só un privilexio para algúns, senón unha posibilidade para TODXS.