Carmina Burana

Por Rebeca Maseda
A semana pasada asistín ao concerto inaugural da tempada 2024/25 da Real Orquestra Sinfónica de Sevilla no Teatro da Maestranza e foi unha velada musical memorable. A cita comezou coa Sinfonía n.º 39 de W. A. Mozart e logo dunha pequena pausa, Carmina Burana xunto ao Orfeón Donostiarra e uns solistas de primeiro nivel.
Desde a explosión da primeira nota, seguida por un multitudinario e profundo coro enigmático, esta obra é unha das composicións clásicas máis populares e recoñecibles do século XX. Carl Orff estreouna o 8 de xuño de 1937 na Ópera de Frankfurt, e de paso, visibilizou os textos goliardos dos séculos XII e XIII nos que se inspira. É unha peza que esperta un torrente de emocións de todo tipo, tan potente e pegadiza que eclipsou o resto da obra do compositor alemán.
A orixe de todo isto estaría na infancia de Carl Orff, un compositor cuxas obras adoitan estar inspiradas en textos literarios. Desde neno concibiu a música como unha representación escénica que cativase ao seu público. Adaptaba pezas para monicreques e representábaas ante a súa familia. Aínda que estudou piano, sempre se inclinou máis pola composición. Os seus biógrafos lembraron que as súas primeiras influencias están en Richard Strauss, logo chegou a poesía alemá, viviu a Primeira Guerra Mundial onde foi ferido, volveu a Múnic a continuar os seus estudos musicais, e para entón, Ígor Stravinsky e a súa vangardista “A consagración da primavera” xa era unha influencia universal que cambiaría a música.
En 1934, Orff le unha das edicións de Carmina Burana que empezou a editarse en 1847. A orixe da obra data de 1250, aproximadamente, cando estes cantos foron agrupados nun códice na abadía beneditina de Bura, Alemaña. Alí foron atopados en 1803 polo barón Johann Christoph von Aretin, e en 1847 un bibliotecario decidiu editalos.
Carmina Burana é unha especie de “one-hit wonder” para Carl Orff, cuxa creación musical é moito máis. Por que ocorreu isto? Que ten o Carmina Burana para gustar tanto á xente? Como é que o divino e o pagán conviven con tal harmonía nesa música? A penetración desta peza no gusto popular “é consecuencia do seu poder de suxestión lúdica”, explica Rafael Argullol. O narrador, poeta, ensaísta e profesor de Estética, engade que “é un exemplo moi sinalado de interpretación moderna dun tema tradicional no que se conserva o espírito orixinal”. Argullol resalta que Orff “soubo trasladar á nosa época o selo dionisíaco”, música que invoca aos instintos máis primarios.
Carmina Burana é a primeira parte da triloxía Trionfi que completan Catuli Carmina e Trionfo de Afrodite. Carl Orff elixiu 24 textos dos máis de 300 que ten o Códice orixinal. Con eles creou unha peza musical e escénica que consta de 5 partes: Introdución con Fortuna Imperatrix Mundi, Á primavera, Na taberna, Cortexo de amor e Final con Blanziflor e Helena.
Ante o éxito irresistible da obra, Torrelledó lembra unha resposta que deu Carl Orff á pregunta do seu editor de Schott Music: “Podería desfacerse de todo o que escribín ata agora e que, lamentablemente, publicou vostede? Coa Carmina Burana comeza o catálogo das miñas obras!”
Na difusión da obra contribuíu moito a cultura popular ao incluírse en películas como Excálibur, O exorcista, Asasinos natos, A caza do Outubro vermello, A filla do xeneral e Tempos de gloria. No campo da música contemporánea grandes estrelas como Michael Jackson, The Doors e Nana Mouskouri incluíron nas súas producións, fragmentos-sobre todo os seus dous grandes pórticos, o inicial e o final-, protagonizados polo coro da Fortuna.
Amigos e amigas, sen dúbida estamos a falar dunha obra de audición obrigada, e se pode ser ao vivo, mellor que mellor!