A Novena

Por Rebeca Maseda
Penso que hai poucas persoas criadas no mundo occidental que non saiban a que nos referimos cando falamos da Novena, si, esa magnánima sinfonía de Beethoven. Un xenio creador do xénero que coñecemos como ‘música clásica’, e tamén un home algo malhumorado, din algúns/algunhas….
Nado na cidade alemá de Bonn no ano 1770, é un dos máis grandes compositores da historia da música occidental sen discusión algunha. Cultivou diversos xéneros -sonatas para piano, cuartetos de corda, etc.-, pero o seu ciclo de nove sinfonías é un fito non só no ámbito musical, senón no artístico en xeral.
Ludwig tiña moito traballo antes da estrea da súa Novena Sinfonía o 7 de maio de 1824. A obra era esperada con impaciencia en Viena. Os copistas traballaban a toda máquina para reproducir a partitura manuscrita para a interpretación. Beethoven non só supervisaba o traballo, senón que tamén se ocupaba de atopar músicos, cantantes e un lugar axeitado para o concerto. “O público adoita ver a Beethoven como un xenio solitario que crea obras magníficas por si só, cando en realidade traballaba cun gran equipo”, di Beate Angelika Kraus, musicóloga do Arquivo Beethoven no departamento de investigación da Casa Beethoven en Bonn.
Como fito na historia da música e símbolo da cultura occidental e da humanidade, o manuscrito orixinal da Novena Sinfonía forma parte da ‘Memory of the World Register’ da UNESCO desde 2001. Nesta última sinfonía completada polo compositor, Beethoven utilizou un coro, algo que nunca antes se fixera nunha obra sinfónica. Con case 70 minutos, a Novena Sinfonía é tamén excepcionalmente longa. O famoso coro final co ‘Himno á alegría’ representa a paz e o entendemento internacional. A versión instrumental converteuse no himno do Consello de Europa en 1972 e é o himno oficial da Unión Europea desde 1985. A melodía do texto “Freude schöner Götterfunken” é hoxe coñecida en todo o mundo. Por iso, a obra é unha contribución ao ‘diálogo cultural internacional’, segundo a Unesco.
A directora de orquestra ucraína Oksana Lyniv dirixiu a Novena un día despois do ataque ruso a Kiev e Járkov en febreiro de 2022. Para ela, algunhas pasaxes do poema de Friedrich Schiller son especialmente conmovedores, como por exemplo cando di: ‘Todos os homes convértense en irmáns’.
A Novena foi planeada durante moito tempo, de feito o primeiro esbozo que se coñece data de 1815. Durante a vida de Beethoven interpretouse doce veces e creou máis dunha versión. A Novena interpretada na estrea era unha versión temperá e diferente da que enviou ao seu editor ou da partitura para o rei de Prusia, a quen Beethoven finalmente lle dedicou a obra.
A sinfonía foi un encargo da Sociedade Filharmónica de Londres, polo que a estrea se programou -como era de esperar- en Inglaterra. Nese momento, 30 ‘amigos da arte’ pedíronlle a Beethoven que interpretase primeiro as súas últimas obras en Viena, así que as presentou nunha serie de concertos coñecidos por aquel entón como “Akademien”. O 7 de maio de 1824, no Teatro da Corte de Viena, na Kärntnertor, o compositor interpretou na Akademie -ademais da estrea da Novena Sinfonía Op. 125- outras obras, entre elas tres partes da Missa solemnis Op. 123 e a abertura “Die Weihe deas Hauses” Op. 124. Naquela época ninguén asistía a un concerto que só durase unha hora ou que só incluíse unha única obra. No momento da estrea, Beethoven sufría unha perda auditiva grave. Malia diso, foi quen de marcar o ritmo.
Francamente non podo evitar emocionarme cada vez que escoito e/ou interpreto esta música tan incrible, alucinando coa destreza deste señor para construír un templo partindo dunha pedra, si, refinada e fermosa, pero unha ao fin e ao cabo.
Aos seus pés Don Ludovico!