Realizarán un cribado entre os bureleses expostos ao público
Os bureleses máis expostos ao público por razóns laborais serán citado para un cribado masivo que se realizará a vindeira semana no Hospital Público da Mariña, segundo anunciaba esta tarde o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor contou que “esta mañá recibín a noticia pola chamada das autoridades sanitarias que me confirmaron que había un barco atracado no porto de Burela con 14 positivos. Fixemos unha análise da situación e evidentemente hai que ter en conta e hai que dicilo con toda sinceridade que aparecen casos inmediatamente. Sóbese moi fácil, pero baixar é moi difícil. Polo tanto fago unha chamada de atención para ter precaución, para que se cumpran os protocolos e para tratar de evitar o contaxio en todos o lugares e momentos dunha forma clara”.
Llano dixo que “as autoridades sanitarias fan a proposta de facer un cribado a próxima semana, o mércores ou o xoves. Desde o Concello imos elaborar un bando para animar e motivar á xente para que vaia facer este cribado, que vai dirixido en principio a todas as persoas que atenden algún negocio ou estean nalgún traballo relacionado coa atención á xente, como poden ser en restaurantes, bares, calquera tipo de tenda, taxistas, … Todos aqueles colectivos que están vinculados á atención a persoas, que pola súa actividade profesional teñen que atender directamente ao público. Xa veremos que datos terán que aportar os que queiran ir facer o cribado para que nos avisen no Concello e a partir do luns elaboraremos ese bando onde se indicará claramente os datos que hai que aportar e a voluntariedade de facer ese cribado. Será no Hospital de Burela o mércores ou o xoves porque hai que facer estes cribados pois estamos nun momento no que íamos ben e hai que procurar seguir así, non podemos dar oportunidades a que se siga espallando o virus”.
O alcalde de Burela manifestou: “hai que ter en conta que se puxeron moitas vacinas, pero aínda quedan moitísimas máis por dar. Por tanto non hai nada seguro, hai que atender aos protocolos e non relaxarse nin moito menos porque suporía volver para atrás. E o que queremos e ir para diante. Así que temos que conseguilo entre todos, dando o exemplo que é habitual en Burela, de responsabilidade, sendo conscientes do que pode suceder porque é moi fácil subir pero moi difícil baixar”.
E engadiu: “por tanto agora, que hai estes 14 casos nun barco que está no porto de Burela, vamos procurar que non volvan xurdir certos brotes ou rebrotes. Para iso vaise facer este cribado para toda a xente que ten relación profesional ou doutra índole co público. Así que o próximo luns sacaremos un bando no que se explicará e se motivará á xente para que participe no cribado que se vai facer no hospital de Burela”.