Realizan melloras nos accesos á igrexa ribadense de Ove
O Concello de Ribadeo está a realizar estes días obras de mellora no acceso á igrexa de Ove. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que se trata dunha primeira actuación, previa ao importante inicio dos traballos que Deputación de Lugo e Concello acometerán na estrada dos Garitos.
O rexedor declarou que “nestes momentos desde o Concello de Ribadeo estamos facendo unha serie de obras de mellora na parroquia de Ove, concretamente nun punto de cruce de camiños onde as parroquias do interior veñen a el e onde tamén se configura como un acceso principal á parroquia de Ove, que é o acceso á igrexa”.
Suárez Barcia explicou que “estamos coas obras de mellora deste vial co aglomerado e, ao mesmo tempo, é a primeira dunha actuación neste entorno, moi importante, porque hai que ter en conta que en poucos días principiarán as obras dos Garitos, deste acceso e desta mellora integral que vai supoñer esta reconfiguración do vial paralelo á vía de Feve. Tivemos un apoio importante da Deputación Provincial de Lugo xunto co Concello de Ribadeo e da Xunta, a día de hoxe, non soubemos nada, despois de moito estarabouzo, despois de moito fala barato e moita lingua de trapo por parte do portavoz municipal do Partido Popular, que toda a forza se lle vai en falar e laretear, e nada máis”.
O alcalde ribadense subliñou que “con todo, estamos facendo estas obras de actuación que se complementarán despois coa mellora do vial da Deputación, do 5207, tal e como acordamos hai uns meses co presidente da Deputación, para mellorar a ampliación da ponte sobre a vía de Feve, para garantir a seguridade dos peóns e dos vehículos. En definitiva son varias actuacións nun mesmo punto que vai cambiar a configuración para ben desta rede de camiños municipais e provinciais, para que dentro duns meses o feito de circular por aquí dea a garantía e a seguridade, e que nos esquezamos xa dunha vez desta situación tan deteriorada deste entorno”.