Reabre o cemiterio de Ribadeo pero con novo horario
O cemiterio municipal de Ribadeo abrirá desde mañá, martes, en horario de once da mañá a sete da tarde. Poderán acceder dúas persoas por unidade de enterramento, no caso dos enterros poderán asistir 15 persoas e pídese que se estea no interior do camposanto o menor tempo posible. Así o anunciou o concelleiro de Cemiterios e Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije.
O edil comunicou que “imos abrir o cemiterio municipal de Ribadeo a partir de mañá, martes, 12 de maio. Vaise ser nun horario extraordinario debido á situación excepcional que estamos a vivir e será de once da mañá a sete da tarde, será de xeito ininterrumpido para que a xente teña máis tempo para facer as visitas. Imos establecer un protocolo para manternos seguros. Vai ser un máximo de dúas persoas por unidade de enterramento e no caso dos enterros restrínxese a asistencia a un máximo de quince persoas”.
Díaz Freije contou que “non se poderán utilizar os bancos. Prégase que as visitas sexan o tempo estritamente necesario, se van levar flores ou o que sexa, e non alongar moito a visita. Pregamos que se respecten estas medidas pois son para facer unha regulación, para que non haxa aglomeracións, nin vernos na obriga de tomar outro tipo de medidas máis estritas ou doutro senso”.
Punto limpo
O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “se vai abrir o punto limpo con cita previa. As persoas interesadas van ter que chamar ao 664 000 932, para pedir cita previa o día antes e que non haxa aglomeración nin saturación. Poden chamar a partir das nove da mañá ata a unha da tarde e desde as catro da tarde ata as seis e media, co horario que segue tendo o punto limpo. Esa instalación vai abrir co mesmo horario, simplemente que vai ser con cita previa”.
Cartón porta a porta
Jorge Díaz dixo que “ao empezar agora o comercio a abrir, o cartón porta a porta vaise instaurar outra vez. Imos empezar o xoves e vai ser todos os xoves en principio. Cando sexa posible volveremos á normalidade, ou se temos que facelo antes, pois farémolo antes. O horario será a partir das cinco da tarde, pero será simplemente o xoves. Temos esta pequena variación ata que isto non se normalice un pouco e ver como vai o comercio”.
O edil engadiu que “volvemos reiterar que seguimos en estado de alarma, que sexamos prudentes, que gardemos a distancia de seguridade e que lavemos ben as mans. Soa pesado, pero creo que certa pesadez ás veces é necesaria para estes casos”.