Raquel Arias salienta que a Xunta destina máis de 5,6 millóns de euros para o SAF na Mariña

Foz
AMariñaXa
A deputada popular concretou que hai 923 persoas atendidas neste momento, ás que se prestan máis de 36.000 horas de servizo
Raquel-Arias-no-Foso-Social-de-A-Mariña
4 Xul 2024

A deputada do Grupo Popular Raquel Arias salientou, nunha mesa redonda celebrada en Foz sobre servizos sociais básicos prestados nos concellos, que a Xunta destina anualmente máis de 5,6 millóns de euros á prestación do servizo de axuda no fogar nos municipios da Mariña lucense, destacando os máis de 840.000 euros que recibe Viveiro, os case 760.000 euros de Foz ou os 450.000 de Ribadeo.

Durante a súa participación no Foro Social de A Mariña, Raquel Arias concretou que “na actualidade 923 persoas reciben servizo de axuda no fogar na comarca da Mariña lucense, que van desde as 102 persoas de Foz ou Viveiro aos 19 de Ourol ou os 37 de O Vicedo”. En total, supéranse ás 36.000 horas de servizo prestado ao longo do ano nestes concellos. A deputada popular explicou que o servizo de axuda no fogar é unha prestación de competencia municipal, segundo se recolle na lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia aprobada polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG.

Máis en concreto, apuntou que “a Xunta é a encargada de facer a valoración das persoas dependentes e a que asigna o número de horas que lle corresponde a cada usuario, mentres que o Concello é o que presta o servizo”. O compromiso da Xunta co servizo de axuda no fogar “é incuestionable, e por iso o Goberno galego está a incrementar ano tras ano a súa achega para axudar aos concellos a facer fronte ao custo deste atención”, sinalou a deputada popular. E iso, a pesar de que o Goberno central “está a incumprir a súa parte de financiamento, xa que está a aportar o 30 por cento cando por lei lle corresponde o 50 por cento”.

Ademais, Raquel Arias subliñou que o Goberno galego negociou coa Fegamp en 2021 o aumento do financiamento autonómico para a prestación deste servizo: incrementou a aportación un 24 por cento, pasando de 9,7 a 12 euros a hora en 2023 e adiantándose un ano o cumprimento deste compromiso. “O Goberno galego non só cumpriu co que se negociou coa Fegamp, senón que introduciu melloras por decisión propia e no 2024 incremento un 15 por cento o investimento destinado ao servizo de axuda no fogar, que chegará a 130 millóns de euros”, anotou.

0.16996502876282