Ralentízase o crecemento da covid no occidente da comarca pero crece a hospitalización
A covid-19 non reduce a súa incidencia na provincia de Lugo e segue sumando casos de forma ininterrompida. Este luns son 1.146, 48 máis que nas últimas 24 horas (onte foron 67). Rexistráronse neste tempo 82 contaxios novos (onte foron 88) mentres que as altas chegaron ás 7.054, 55 máis que o domingo (o día anterior foron 41). As cifras ofrecen unha visión da provincia en continuo empeoramento.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.357 casos rexistrados e 151 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados.
Ademais, a presión hospitalaria segue a subir. A UCI do Hula acolle 7 pacientes, un máis que onte tralo traslado de enfermos desde Ferrol, e rexistráronse seis hospitalizacións máis nas zonas de planta, todas no Hospital da Mariña que ten agora mesmo 19 ingresados, a mesma cantidade que no Hula. No de Monforte hai 5.
COMARCA
A comarca mariñá segue coa atención posta no occidente. Viveiro segue en crecemento, aínda que máis lento con 271 casos, 6 máis que onte (a xornada anterior foron 16). Mentres, Xove mantense nos 111 pero preocupa a situación no Vicedo aínda que non subiu dos 20 casos que tiña onte. Cervo suma outro positivo e sitúase en 22 mentres Burela apunta un descenso de catro casos para poñerse en 47. Tamén lle toca descender a Ribadeo que baixa ao 18 positivos.
O resto de concellos mariñaos teñen baixa a incidencia e a Lourenzá súmaselle Trabada como os únicos concellos sen contaxios de covid na última quincena.
No resto da provincia a situación mellora moito na Pastoriza, que baixa 16 casos mentres Vilalba e Castro fano tamén pero de forma máis tímida. No sur, Monforte e Sarria seguen subindo con 47 e 31 contaxios, respectivamente, mentres Chantada tamén sobe con 29. No centro, Lugo sitúase nos 158 casos e destacan os 12 de Láncara e 11 de Palas de Rei.